Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas. Que queremos facer deste país, un lugar digno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión.
Acumulación de forzas e entendemento. A través da creación dunha ordenanza sobre participación cidadá, veciños e asociacións podemos participar da toma de decisións e opinar libremente sobre as problemáticas da vila. Como pobo, como cidadáns, podemos facer que o Concello comece a preocuparse pola veciñanza. Os cidadáns poden e deben ter voz e voto no día a día, en decisións tan importantes para a nosa vila como o reparto dos orzamentos municipais. A base debe ser a comunicación con asociacións de veciños, e entidades culturais e deportivas, partidos políticos, empresarios da restauración, asociacións de comercio e o turismo ou coa Confraría de Pescadores, sen esquecer mecanismos de participación directa.
A cultura non é un luxo senón un dereito. En Cambados demandase dende fai tempo unha mellora nos contidos das instalacións publicas, locais de ensaio, colaboración pública na axenda cultural… Demandas que teñen que ir unidas cunha maior participación cidadá e unha solución urxente para o patrimonio histórico da localidade, poñer en valor os nosos monumentos, o noso conxunto histórico. Ademais, debemos conservar a tradición mariñeira de Cambados, axudando á mellora dos dereitos dos traballadores do mar, apoiando as súas demandas e as artes tradicionais. Para facer do noso país un lugar digno para vivir debemos comezar polo noso entorno inmediato con iniciativas e ideas como as que seguen…
Igualdade contra o espolio, a discriminación e a especulación. Temos que rematar coa especulación que permite a destrución do noso medio ambiente, como o proxecto das Comportas do Saco de Fefiñans, ou a construción irresponsable que fai que na nosa vila se permita a urbanización en lugares sen acondicionar polas Unidades de Xestión e o final teñan que ser acondicionadas cos nosos impostos. Un Concello onde existan inmobles a disposición da xuventude de vivendas de Protección Oficial a un prezo razoable e coa opción de aluguer social. É preciso un PXOM que regule o uso do solo da nosa vila sen beneficiar a uns poucos, no que a participación cidadá sexa clave dende o comezo, que respecte o medio ambiente, cunha planificación realista e no que a especulación este fora. De tal xeito que a cidadanía sexa beneficiaria e non vítima da planificación urbanística.
Defensa do Estado do Benestar. Cambados precisa dunha atención social que cubra as necesidades da xente mais desfavorecida que axude as familias con dependentes ao seu cargo así como o aumento de prazas e instalacións das garderías públicas, pois isto beneficia maioritariamente as mulleres con emprego e a aqueles con menos posibilidades económicas. É precisa a colaboración entre as organizacións e entidades de axudas sociais e o Concello para conseguir a integración e axuda ás persoas con máis necesidades mellorando o traballo realizado até o de agora en materia de igualdade.
Valores republicanos; democracia radical, igualdade, liberdade e fraternidade. A igualdade á hora de acceder a un posto de traballo, ou a unha educación pública e de calidade. Por desgraza en Cambados sobran exemplos á hora de favorecer o emprego a aqueles persoas que o poder lle interesa ter de man, non pode ser que mesmo os propios traballadores falen de empregados privilexiados dentro do Concello, que algúns cobren mais horas extras do que permite a lei, ou que teñan contratos irregulares por que non interese sacar a concurso a súa praza e se manteñan contratos temporais dende fai moitos anos. A igualdade da muller, do colectivo LGTB e a mocidade deben ser unha prioridade do Concello con políticas enfocadas a mellora da súa situación e deixar de ser visibles só unha vez ao ano. Do mesmo xeito, o Concello ten que ter ben presente a desigualdade histórica do noso rural, onde se precisan mellores infraestruturas, máis transporte público e máis actividades socioculturais.
Unidade contra o estado actual das cousas. Dende o comezo da crise vemos como os nosos veciños pasan a engrosar as listas do INEM sen ningunha medida por parte do concello que poña fin a esta traxedia. Ademais, os dereitos e a seguridade laboral vense diminuídos coa escusa dos problemas económicos. As traballadoras da fábrica, os mariñeiros, os empregados de restaurantes e locais deben ter dereitos, horarios e soldos dignos. Debemos conseguir que o turismo non sexa so estival, a través da redacción dun plan de turismo sostible que nos beneficie a todos, onde poñamos en valor a natureza e historia do noso pobo, as nosas tradicións, coidándoo e conseguindo que sexa rendible a medio e longo prazo. Ademais debemos potenciar aquelas zonas naturais e rurais que permitan por en alza o valor turístico do noso pobo.
Non substitución dos partidos: a unidade como ferramenta e dereito. Somos Maioría Cambados non nace coa vontade de substituír a ningún partido, máis ben ó contrario. Esta iniciativa pretende sumar vontades e complementar obxectivos comúns en base a un método e a un sistema que lle de á cidadanía as ferramentas oportunas para decidi-lo seu destino. A unidade de acción é unha ferramenta, a máis básica para os e as de abaixo, e ó mesmo tempo é un dereito inalienable para conseguir un mundo mellor onde vivir.
Sobre a base do que coidamos o común denominador da maioría social, defensa dos dereitos sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta, e do dereito da xente a decidir como parte esencial dunha democracia verdadeira, temos a ben:
– Promover e alentar unha candidatura de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación.
– Promover e alentar unha candidatura cidadáns plural a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego.
Unha proposta coma esta ten sentido para agrupar á inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e co dereito a decidir do pobo de Cambados, en tanto que galegas e galegos, para, en primeiro lugar, desaloxar a corrupción e poñer os concellos ao servizo do pobo e do noso País.
Temos a certeza de que unha alternativa común coma esta pode ser amplamente maioritaria e protagonizar os cambios que precisamos con urxencia no noso país.