Código Ético

OBXECTIVOS A CONSEGUIR:   OUTRO XEITO DE FACER POLÍTICA

Somos unha candidatura cidadán, polo tanto esixímonos un proceso aberto, no que poida postularse calquera persoa sempre que se concorde cos principios, código ético e condicións aprobadas polas asamblea de SOMOS CAMBADOS.

En concordancia cos principios debe ser un proceso participativo, e os candidatos e candidatura deben ser expostos e aprobados en Asemblea.

Debemos respectar o principio de igualde e de toma de decisións dende a base, rexeitando calquera imposición de nomes ou reparto de “cotas” en base a siglas ou grupos organizados.

Traballaremos por facer unha lista plural, representativa dos veciños de Cambados, contando con persoas de diversos sectores profesionais, e cun adecuado equilibro territorial entre as diferentes parroquias.

REQUISITOS PARA PODER SER CANDIDAT@ DE SOMOS CAMBADOS:

En cumprimento dos acordos de SOMOS CAMBADOS establécese que non poderán figurar entre os candidat@s persoas que se atopen nos supostos seguintes:

  • Persoas que estean imputadas ou condenadas xudicialmente por casos de corrupción, financiamento ilegal ou calquera outros delitos relacionados coa administración pública.
  • Tampouco aqueles imputados ou condenados por delitos de violencia de xénero – violación dos dereitos laborais, homofobia ou xenofobia.
  • Persoas que na actualidade estean desempeñando cargos de representación política ou pública noutras administracións (non a duplicidade), a non ser que previamente renuncien aos mesmos.
  • Aqueles que non acepten cumprir o DECALOGO ÉTICO e os principios do manifesto somos maioría ou someterse a avaliación dos seus cargos por parte da Asemblea de SOMOS CAMBADOS.
  • A Asemblea de SOMOS CAMBADOS estará facultada para interpretar as casuísticas concretas que se deriven destes puntos.

DECÁLOGO ÉTICO DOS CONCELLEIR@S DE SOMOS CAMBADOS

  1. NON AOS PRIVILEXIOS: Os Concelleir@s de SOMOS CAMBADOS rexeitarán calquera agasallo, privilexio ou trato de favor, que se lle poida ofrecer en razón do seu cargo.
  2. TRANSPARENCIA ABSOLUTA E DECLARACIÓN PUBLICA DOS BENS E PATRIMONIO: Os Concelleir@s de SOMOS CAMBADOS farán pública todas aquelas retribucións ou abonos que reciban polo seu cargo no Concello ou pola súa representación. Ao mesmo tempo comprométense a publicar a súa declaración de bens, tanto ao inicio da lexislatura, como no momento en que abandonen o seu cargo ou ao final da lexislatura.
  3. CUMPRIMENTO DO PROGRAMA ELEITORAL: Os Concelleir@s de SOMOS CAMBADOS comprométense a traballar polo cumprimento do Programa electoral presentado.
  4. IGUALDADE DE TODOS DIANTE DO CONCELLO: Os Concelleir@s de SOMOS CAMBADOS defenderán e aplicaran o principio da igualdade de todos os veciños e veciñas diante do Concello.
  5. COMPROMISO DE TRABALLO E INFORMACIÓN PÚBLICA: Os Concelleir@s de SOMOS CAMBADOS comprométense a informar aos veciños de Cambados de xeito periódico sobre a súa labor, así como da situación do Concello de Cambados.
  6. SOMETEMENTO A ASEMBLEA: Os Concelleir@s aceptan someter o seu traballo a avaliación periódica dos cidadáns e da Asemblea de SOMOS CAMBADOS, que poderá revogalos do seu cargo.
  7. COMPROMISO DE ATENCIÓN DOS VECIÑOS: Os Concelleir@s de SOMOS CAMBADOS comprométense a recibir a todos os veciños e asociacións que así llo soliciten, no prazo de tempo mínimo que sexa posible.
  8. ATENCIÓN AS NECESIDADES E PRIORIDADES DOS VECIÑOS: Os Concelleir@s de SOMOS CAMBADOS comprométense a poñer sempre por diante na súa actuación os intereses xerais dos veciños de Cambados.
  9. NON A DUPLICIDADE DE CARGOS: No caso de que un concelleir@ de SOMOS CAMBADOS saia elixido para ostentar un cargo de representación pública noutra administración ou parlamento – senado, deberá abandonar inmediatamente a súa acta de Concelleiro.
  10. COMPROMISO DE CAMPAÑA ELECTORAL INFORMATIVA E RESPETUOSA CO MEDIO AMBIENTE: SOMOS CAMBADOS comprométese a realizar unha campaña electoral de carácter informativo das súas propostas, limpa e respectuosa co medio ambiente.