Castrelo, Corvillón, Oubiña e Vilariño con servizos e infraestruturas de calidade
Tino Cordal, candidato á alcaldía:
“Nos próximos catro anos Cambados debe saldar dunha vez por todas a súa débeda histórica coas nosas parroquias. Servizos básicos como unha conexión potente a internet para as empresas instaladas no rural e para que @s nos@s fill@s podan estudar en igualdade de condicións que os do resto do municipio; ou un sistema de transporte que nos comunique co casco urbano son imprescindibles para mellorar a calidade de vida dos cidadáns que vivimos no rural”.
“Cando @s veciñ@s de Castrelo, Corvillón, Oubiña ou Vilariño demandan algunha mellora nos seus servizos e infraestruturas, síntome plenamente identificado con eles porque eu tamen vivo nuha parroquia do rural e coñezo perfectamente a xustiza desas reivindicacións”.
“A maioría das nosas propostas están pensadas para conseguir o benestar d@s nos@s veciñ@s, vivan onde vivan. Neste apartado imos destacar as tres que durante estes catro anos os veciños nos pediron con máis insistencia”.
✅ Transporte público gratuíto entre as parroquias e o casco urbano
Numeros@s veciñ@s de todas as parroquias do noso municipio achegáronse a Somos Cambados para queixarse da imposibilidade de desprazarse en transporte público desde as súas vivendas ata o casco urbano para realizar calquera tipo de xestión administrativa, acudir a citas médicas ou mercar nos comercios do centro da vila.
Este problema sempre o tivemos presente. De feito, Somos Cambados foi o único grupo municipal que presentou alegacións ao Plan de Transporte da Xunta de Galicia propoñendo vertebrar o casco urbano coas parroquias de Cambados, pero a Xunta desestimounas (seguiremos propoñendo ademais que se implante un servizo nocturno entre os Concellos da comarca no verán e unha liña que conecte Cambados con Vigo, a Universidade e o Aeroporto); polo que despois de analizar detalladamente varias alternativas, consideramos que esta é a que ten un menor coste económico e medioambiental.
Para paliar esta demanda histórica dos veciños das nosas parroquias, instauraremos un servizo de transporte gratuíto que vertebre todo o municipio, conectando as parroquias co casco urbano mediante unha ruta circular de transporte público xestionada polo colectivo de taxistas de Cambados e sufragada pola administración local. Esta medida, ademais de beneficiar aos veciñ@s das parroquias por posibilitarlles o desprazamento gratuíto ao casco urbano, suporía un importante impulso para a actividade comercial do centro de Cambados ao ver incrementado o número de clientes potenciais, posto que na actualidade e debido a unhas liñas de transporte público deficientes, estes veciñ@s teñen máis facilidades para desprazarse a outras poboacións que ao casco urbano do seu propio municipio.
Os taxistas de Cambados, cos novos vehículos de que dispoñen, adaptados para 8 prazas e que permiten levar a xente en cadeiras de rodas, son os máis idóneos para prestar este servizo, ademais de ser unha alternativa máis económica e máis respectuosa co medio ambiente que a que supón o transporte en autobús.
Colaboraremos coa Asociación de Taxistas de Cambados para implantar o servizo de Radio Taxi en Cambados.
✅ Completar a rede de saneamento en todas as parroquias de Cambados e mellorar a da existente

O saneamento é unha prioridade para calquera goberno. Somos Cambados completará a rede de saneamento en todo o municipio e reformará a que xa existe pero que presenta deficiencias, como é o caso da praza do Concello, rúa Carballeira ou a avenida de Galicia, se ben se trataría de obras menores, ao igual que as que se localizan no Ribeiro (Corvillón), ou en Covas de Lobos (Vilariño).
Somos Cambados propón solucionar os vertidos, que por desgraza son bastante habituais, na EDAR de O Facho (Castrelo), e no casco urbano poñer fin ao problema coas augas pluviais na rúa Carreira, na avenida da Pastora ou na rúa San Roque.
Ademais, nos tres quilómetros que discorren o Alto do Brexo ata o cruce do Facho non existe unha rede de tubarias para as augas pluviais, producíndose habitualmente un desbordamento da rede. Neste tramo é necesario a instalación dunha rede de tubarias que recolla as augas pluviais.
✅ Dotar de wifi pública e gratuíta a todas as parroquias de Cambados Esta iniciativa incluirá a mellora do servizo de internet en todo o municipio para o que xa temos preparado un ambicioso proxecto que presentaremos ante a Unión Europea e outras administracións co obxecto de optar a diferentes liñas de financiación.
Trátase dunha solución integrada na que se inclúe o equipamento, instalación e acceso. A instalación da fibra óptica, que xa está realizando en varias parroquias de Cambados, permitirá mellorar a velocidade de conexión de internet no casco urbano e nas parroquias e facilitará a implantación do novo sistema de wifi pública de calidade.
Un Cambados saudable e con calidade de vida
Tino Cordal, candidato á alcaldía:
“Apostamos por un Cambados con servizos de calidade. Un Cambados pensado para @s nos@s nen@s e maiores, no que a prioridade sexan as persoas que máis o necesitan, respectando o medio ambiente e implementando con políticas efectivas de igualdade.”
✅ Impulsar un Plan Retorno para que os mozos emigrados podan vivir e traballar en Cambados
O obxectivo do Plan Retorno é facilitar que aqueles mozos cambadeses que tiveron que emigrar en busca dun traballo e queiran volver para vivir e desenvolver a súa carreira profesional na nosa terra podan facelo coas maiores posibilidades de éxito laboral.
Para acadar este obxectivo, este Plan basearíase en dous elementos fundamentais:
– unha plataforma dixital apoiada por un servizo de orientación laboral especializado que fomente o contacto entre @s mozos que queiran volver e as empresas locais que demanden traballadores, e que informe das oportunidades de emprego e asesore sobre cuestións administrativas relacionadas co retorno.
– un sistema de axudas para @s emigrantes retornad@s que creen a súa propia empresa. Sería unha ampliación das axudas para emprendedores, creadas pola Concellería de Promoción Económica e das que xa se beneficiaron uns 30 cambadeses, cunha bonificación adicional para aqueles emprendedores que teñan a condición de emigrantes retornad@s e creen a súa empresa en Cambados. Tamén se estudaría a posibilidade de subvencionar aquelas empresas cambadesas que contraten emigrantes retornad@s que establezan a súa residencia en Cambados, sempre que a duración do contrato do traballador retornado fose de xornada completa e por un mínimo de dous anos.
Para a financiación deste Plan disporíase dunha partida orzamentaria de fondos municipais, e para incrementar o seu importe o concello acolleríase ás múltiples liñas de financiación das distintas administracións en materia de emprego e creación de empresas.
✅ Plan de seguridade vial en zonas escolares e deportivas
Extremar as medidas de seguridade naquelas zonas máis transitadas pol@s nen@s, a través da mellora da sinalización vertical, da mellora da iluminación da limitación de velocidade a 30 e de redutores de velocidade para as zonas próximas aos centros educativos e deportivos. Creación de camiños escolares seguros.
✅ Plan de accesibilidade
Eliminación de barreiras arquitectónicas para acceder a todas as instalacións públicas e aos espazos de interese turístico, como por exemplo, a ponte do muiño de Mareas, a torre de San Sadurniño ou o monte da Pastora. Reforma das beirarrúas cun ancho inferior ao legalmente establecido para adaptalo ás necesidades de persoas con mobilidade reducida. Eliminación de beirarrúas existentes nalgunhas parroquias de ancho inferior a 80cm, inviables para uso por persoas con mobilidade reducida e substituílas por pintado de sendas peonís a nivel do chan.
✅ Elaboración dun novo planeamento urbanístico

Cambados necesita a renovación das súas normas urbanísticas, co fin de deseñar a vila que queremos para o futuro. A complexidade da elaboración dun Plan Xeral de Ordenación Municipal require o máximo consenso entre todos os grupos políticos, polo que é posible que a súa redacción e aprobación leve máis tempo dos catro anos do próximo mandato. Recuperación da toponimia no rural co fin de dotar as parroquias dun «Rueiro Oficial » mais amplío e pormenorizado, dotando de nome todos os camiños e rúas, contribuíndo con elo a mellor da distribución postal, facilitar a localización de vivendas en caso de urxencias sanitarias, outras emerxencias , etc. Censo de vivendas no rural con vías de acceso de ancho inferior a 3 metros para programa prioritario de ensanche destas infraestruturas.
✅ Ambulancia medicalizada con sede en Cambados
Tendo en conta que Vilagarcía xa conta cun hospital con urxencias médicas, a ambulancia medicalizada debe ter a súa base en Cambados pola situación xeográfica no centro da comarca e porque o noso centro de saúde atende a veciñ@s doutros concellos do Salnés.
✅ Acondicionamento do entorno da Seca

Esta actuación consistirá na dotación de iluminación no Paseo da Seca de Cambados, que consistirá na instalación dun cento de balizas de luz rodeando o muíño da Seca, agás na ponte de pedra protexida por Patrimonio. Esta iluminación, similar á existente no parque de Torrado, non precisa de instalación eléctrica xa que a luz é xerada por enerxía solar e as balizas están dotadas de sensores de movementos, polo que só se iluminarían ao detectar a presenza de persoas, o que minimizaría a contaminación lumínica e non causaría ningún impacto á abundante fauna protexida existente no lugar.
Para realizar esta actuación, Patrimonio esixe desenvolver o Plan Urbanístico da Seca. Somos Cambados comprométese a realizalo para poder acometer estas melloras, moi demandadas por veciñ@s e usuari@s desta zona da parroquia de Corvillón.
É necesario recordar que foi a concellería de Economía quen regularizou a instalación eléctrica no muíño da Seca, que por neglixencia do goberno municipal do PP estivo 15 anos nunha situación de ilegalidade, sen contador da luz e con grave risco de incendio por carecer de limitador eléctrico nun ben protexido de interese cultural.
Outras das actuacións neste entorno será o acondicionamento da pista de patinaxe do parque da Seca, que presenta moitas deficiencias desde a súa construción, motivo polo que apenas é utilizada polos cada vez máis numerosos practicantes deste deporte.
A mellora consistirá en eliminar as arestas existentes na pista e no acondicionamento da superficie para facer posible a práctica deste deporte, redondeando os perfís e mellorando a zona de patinaxe existente, así como dotando de novos equipamentos, xa que cada vez son máis @s moz@s que practican este deporte, pero que o teñen que facer en distintas prazas do Concello ao carecer de instalacións acordes para a practica deste deporte.
Por outra banda, tamén se realizará unha mellora nos xogos existentes no parque infantil, dotando este parque infantil dunha zona de xogos, coa instalación dun novo elemento de multixogo, con 4 plataformas, un tobogán dobre, un tobogán aberto en espiral, un rocódromo de acceso á plataforma e tamén con escaleira de acceso, ademais de mellorar os xogos existentes. Tamén se ten previsto instalar ramplas de acceso ao paseo para persoas en cadeiras de rodas e encintar as lousas para que poidan acceder ao mesmo sen dificultade.
✅ Posta en valor do entorno da Pastora

Humanización da avenida da Pastora coa construción de beirarrúas desde o Pazo de Ulloa ata o Museo do Viño, onde se creara un zona reservada para o estacionamento de Autobuses e do Tren Turístico. Posta en valor do entorno do monte da Pastora para convertelo no lugar de referencia de esparcemento e xogos para nen@s e maiores de Cambados. Creación dunha aula da natureza con maior arbolado autóctono. Visitas guiadas didácticas polo entorno do monte.
✅ Mellora de accesos e acondicionamento da praia de Espiñeiro
Mellora dos viais naturais de acceso a este enclave de gran riqueza paisaxística e medioambiental. Sinalización do entorno, e mellora da limpeza. Humanización da Rúa Fonte de Brua e Ribeira de Mouta, mellora do alumeado público e construción de beirarrúas para mellorar o acceso a unha das zonas paisaxística máis fermosa de Cambados.
✅ Potenciación das rutas e espazos de interese medioambiental
Somos Cambados potenciará actuacións de mellora da Ruta Intermareal Umia – O Grove para converter este lugar de singular importancia medioambiental nun lugar de referencia para tod@s @s amantes da natureza, organizando rutas guiadas e coidando os accesos e a limpeza. Creación de sendas verdes paralelas a pequenos rios que discorren polas parroquias para fomento de andainas saudables e preservalos para o uso público. Poboar ao río Umia coa vexetación autóctona e plantar arbores autóctonos nas rúas do centro.
✅ Mellora das zonas de baño de As Saíñas, San Tomé e a torre de san Sadurniño

Acondicionamento destes lugares potenciando a limpeza e instalando
papeleiras e contedores de lixo. Instalación de ramplas de acceso para persoas
con mobilidade reducida, co obxecto de que todas as persoas que o desexen podan
desfrutar destes lugares.
✅ Impulso da reciclaxe e a compostaxe
Promoveremos a reciclaxe e a compostaxe mediante campañas de sensibilización nos centros de ensino, clubs deportivos, asociacións de veciños e demais entidades. Ampliaremos os puntos de recollida selectiva no casco urbano e no rural, e aumentaremos o número de de contenedores para a reciclaxe de aceites de uso doméstico e potenciaremos o Punto Limpo cun horario de apertura máis amplo.
✅ Creación dunha ruta de sendeirismo polo litoral de Cambados

As actividades relacionadas co medio ambiente teñen unha demanda crecente non entre @s cambadeses, senón tamén entre @s visitantes. Por iso, Somos Cambados propón a creación dunha gran ruta de sendeirismo que transcorra polo litoral cambadés e que ao mesmo tempo vertebre todo o municipio, instalando paneis informativos da riqueza medioambiental e paisaxísticas dos lugares de interese.
✅ Maior control dos produtos fitosanitarios nas plantacións vitivinícolas
Moit@s veciñ@s acudiron a Somos Cambados para amosar o seu malestar polo uso continuado destes produtos cerca das súas vivendas ou de centros escolares. Aínda que non se trata dunha competencia municipal, é necesario regular o uso de produtos fitosanitarios para reducir o dano que fan ao medio ambiente e ás persoas. En todo caso, o concello impulsará campañas divulgativas acerca do seu uso a traves das asociacións de viticultores e das adegas e cooperativas vitivinícolas de Cambados.
✅ Atenderemos as demandas do Refuxio de Animais.
Melloraremos e ampliaremos as instalacións do Refuxio, realizando unha reforma integra das instalacións do centro, así como a construción dunha gatera. Implantarase un Servizo de recollida de animais domésticos abandonados, perdidos, feridos ou enfermos dentro do termino Municipal de Cambados.
A lacería prestarase por persoal cualificado dun xeito ininterrompido as 24 horas do día, incluídos domingos e festivos. Tamén debe levarse un rexistro actualizado das intervencións solicitadas nas que polo menos conste a data e hora tanto do aviso como da actuación, a procedencia do mesmo, a especie, raza, sexo , capa, e grupo da idade do animal e o destino final do mesmo. As solicitudes de intervención do servizo de lacería realizaranse a través da Policía Local ou Protección Civil.
✅ Ampliación da gardería.

Acometeremos as reformas necesarias para aumentar o número de prazas da gardería municipal. Mellorando a calidade do servizo.
✅ Impulso das políticas de igualdade
Non existe democracia plena sen igualdade real entre homes e mulleres. Impulsaremos un Plan para a Igualdade consensuádamente con todas as entidades e asociacións cambadesas que inclúa iniciativas no eido laboral, loita contra a violencia de xénero, conciliación ou educación.
✅ Ampliación do horario da biblioteca municipal

Nas épocas de exames, ampliaremos o horario da biblioteca municipal e acondicionaremos a Mercé como local de estudo cando haxa máis demanda.
Con estas medidas pretendemos cubrir unha demanda da nosa mocidade e facer posible que aqueles estean estudando fóra poderán vir ás súas casas para preparar os exames nunhas condicións dignas.
Ademais, abriremos a Oficina de Información
Xuvenil (OMIX) polas tardes, adaptando desta maneira o horario ás necesidades
d@s mozos.
✅ Plan de apoio á natalidade
Durante dous anos, cada familia empadroada en Cambados recibirá 1.000 € anuais para gastar en locais comerciais de Cambados en produtos básicos d@ nen@. Estas axudas concederanse ás familias que cumpran uns criterios económicos que se establecerán de acordo co IPREM.
✅ Rehabilitación de inmobles abandonados para vivenda social
Coa entrada en vigor este 22 de maio da nova Lei de Rehabilitación, a Xunta poderá actuar sobre vivendas en estado ruinoso, que presenten un problema de salubridade, seguridade ou estético. Pretendemos que, no caso de que a Xunta execute a expropiación da vivenda, ese inmoble se dedique a vivenda social a presos baixos para os mozos e familias en risco de exclusión social, e non para a especulación inmobiliaria. Buscar un acordo co Arcebispado de Santiago para a retirada da simboloxía franquista, «Cruz e nome dos caídos», da igrexa parroquial de Cambados (Convento de San Francisco).
✅ Servizo gratuíto de atención médica especializada
Para as familias sen recursos ofertaremos servizo gratuíto de odontoloxía, oftalmoloxía, terapia ocupacional e psicoloxía mediante un convenio coas clínicas e profesionais de Cambados.
✅ Implementación de medidas que favorecen o desfrute de tod@s @s nen@s nas festas de Cambados.
Nestes anos, a concellería de Servizos Sociais, xestionada por Somos Cambados, levou a cabo algunhas iniciativas para que tod@s @s nen@s puideran desfrutar das nosas festas. Unha delas fixo posible que @s nen@s sen recursos puideran desfrutar gratuitamente das atraccións nas festas do Albariño.
Neste próximo mandato e coa finalidade de que @s nen@s con autismo podan desfrutar das atraccións da festa do Albariño, durante un tempo determinado consensuado entre as familias d@s nen@s e os feirante silenciarase a música no recinto das atraccións para que tod@s podan desfrutar por igual da nosa Festa.
✅ Plan de reforma dos Colexios públicos de Cambados
No período 2019-23, Somos Cambados ten previsto realizar un plan integral de Reforma de tódolos Colexios Públicos de Cambados, escoitar e atender as demandas das Anpas e das Direccións dos Colexios, mellorando o equipamento e as infraestruturas existentes dos mesmos, arranxar baños, falsos teitos, dotar de novas luminarias, reformar os peches exteriores de tódolos colexios, pintado interior e exterior dos centros, cambio de carpinteira interior e exterior dos edificios, acondicionar os ximnasios e os patios exteriores, e mellora do servizo de limpeza. Estas obras realizaranse no verán para non interromper a actividade escolar, e sempre en consenso coas Anpas e coas direccións dos Centros.
COLEXIO DE CASTRELO
– Cambio de falsos teitos e luminarias no ximnasio.
– Novos baños e duchas.
– Reparar as goteiras no pavillón.
– Arranxar o muro exterior e cambiar o peche por un máis seguro.
– Facer un pulido do primeiro andar.
– Acondicionar os patios e os xardíns.
COLEXIO MAGARIÑOS
– Antigas casas dos profesores. Gañar ese espazo para uso e desfrute do colexio, acondicionándoo e deixándoo preparado para a súa utilización.
– Aula de informática. Habilitar un acceso desde o interior do colexio, incorporándoa ao espazo do mesmo como unha aula máis.
– Mellora dos baños.
– Mellora da calefacción.
– Ampliación do comedor escolar. Na actualidade está na aula de inglés. Debido ás reducidas dimensións da aula teñen que comer en dúas quendas. Mellora da calidade do servizo de catering.
– Mellora xeral das instalacións. Exteriores (patios, xardíns, etc.) e interiores.
– Reforzo do servizo de limpeza.
– Paso de peóns diante da porta principal do colexio.
– Pintado exterior e interior do colexio.
– Actividades extraescolares. Que todos os colexios se coordinen e unifiquen para optimizar recursos e non competir uns colexios contra outros.
COLEXIO DE SAN TOMÉ
– Reforzo do servizo de limpeza.
– Instalación dun vídeo-porteiro.
– Mellora dos elementos de xogo.
– Reforma dos baños do segundo andar.
– Cambio de falsos teitos e de luminarias.
– Arranxo de portas e ventás.
– Novo valado exterior.
– Pasarela dende o colexio ao pavillón deportivo.
COLEXIO DE VILARIÑO
– Falsos teitos novos.
– Ventás novas.
– Novas canastras de baloncesto.
– Novo peche exterior.
– Novos baños e duchas.
– Novo chan para o ximnasio.
– Reforzo de limpeza.
– Novas luminarias.
COLEXIO DE CORVILLÓN
– Ampliación do espazo cuberto.
– Muro e peche exterior.
– Novos baños.
– Novas ventás nalgunhas aulas.
– Melloras na Pista Deportiva
COLEXIO DA PASTORA
– Mellora do patio exterior.
– Arranxo dos baños adaptados.
– Arranxo do valo exterior e do peche.
✅ E, como fixemos nestes 4 anos, seguiremos…
No período 2015-19, Somos Cambados xestionou as áreas de infancia, servizos sociais e terceira idade. A pesar da complicada situación económica conseguimos aumentar o gasto social nun 60 %. No próximo mandato seguiremos:
- incrementando o gasto social.
- incrementando a plantilla de profesionais de servizos sociais.
- potenciando o lecer activo dos nosos maiores
- apoiando todo o tecido asociativo das organización vinculadas a servizos sociais
- incrementaremos as bonificacións fiscais
Cambados, capital do deporte
Tino Cordal, candidato á alcaldía:
“Queremos converter a Cambados na capital do deporte base e afeccionado. Para elo presentamos un completo programa que abarca desde a mellora de
infraestruturas, ata a posta polo deporte de integración ou a instauración dun sistema de bolsas económicas para facer fronte aos gastos que ocasiona a práctica deportiva”.
“Hai que destacar a importancia do deporte base como motor económico do tecido empresarial cambadés, xa que cada fin de semana acoden a Cambados centos de deportistas acompañados dos seus familiares que aproveitan a súa estancia para xerar un retorno económico no comercio e na hostalaría. Somos Cambados aposta firmemente pola celebración de eventos deportivos de carácter supramunicipal na nosa vila”.
“A candidatura de Somos Cambados inclúe persoas moi vinculadas ao deporte base, como é o caso de Fernando Patricio (presidente do Club de Atletismo) ou Noelia Gómez (presidenta e adestradora do club de Taekwondo), que ocupan lugares destacados na candidatura, ademais de Manuel Fariña (colaborador do fútbol base e futbolista federado de veteranos), Gabriel Sineiro (adestrador do fútbol base) ou Ana Pintado (futbolista federada)”.
“Este ambicioso programa deportivo está avalado pola excelente xestión económica realizada nestes catro anos, nos que se sanearon as contas municipais e conseguimos sacar ao concello do Plan de Axuste”.
✅ Reforma das instalacións deportivas do Pombal

Debido ao importante incremento de usuari@s das instalacións do Pombal, Somos Cambados cre necesario acometer unha serie reformas nese complexo deportivo, entre as que destacan a instalación de iluminación led no campo de fútbol pequeno, que permitiría maximizar o seu uso, dotación de máis zonas de vestiarios, habilitar un acceso ao campo grande desde o paseo marítimo e reformar a grada para protexer aos espectadores da chuvia e o vento, así como
negociar con Costas a instalación dunha segunda grada que posibilitaría a celebración no campo grande de competicións e torneos que polas deficiencias actuais non se poden realizar, instalación de aire acondicionado no ximnasio municipal.
Para maior comodidade dos espectadores e das nais e pais que acoden diariamente ao Pombal, habilitaremos unha cafetería acristalada enriba dos vestiarios que dividen os dous campos de fútbol, destinando espazos nesa nova construción para oficinas e almacéns.
✅ Pista polideportiva de acceso libre e mellora dos parques infantís
A práctica deportiva non debe enfocarse só aos deportistas federados. É necesario pensar nos centos de afeccionados ao deporte que non están federados, por iso Somos Cambados contempla a construción dunha pista polideportiva de acceso libre. Mellora dos Parques infantís do municipio tanto do centro como das parroquias.
✅ Incremento das axudas aos clubs deportivos
Somos Cambados incrementará paulatinamente as axudas aos clubs deportivos ata chegar a dobrar ao final do próximo mandato a aportación económica municipal, que estará condicionada ao cumprimento por parte dos clubs de tres requisitos fundamentais:
– apoio ao deporte feminino.
– impulso ao deporte de integración e adaptado.
– realización de eventos supramunicipais.
✅ Promoción dos deportes minoritarios
En Cambados contamos con numerosos clubs de deportes minoritarios (taekwondo, xadrez, piragüismo, voleibol, atletismo, étc.). A pesar de carecer da visibilidade do fútbol ou o baloncesto, realizan unha importante labor e acollen a centos de nen@s nos seus equipos. Somos Cambados contempla a realización de xornadas deportivas destinadas a nen@s e maiores para dar a coñecer todas as posibilidades de práctica deportiva que ofertan os nosos clubs e a dotación de materias para a práctica destas modalidades deportivas.
✅ Convocaremos bolsas económicas aos nen@s federad@s
Convocaremos bolsas económicas das que se poderán beneficiar @s nen@s federad@s e empadronad@s en Cambados para facer fronte aos gastos que ocasiona a práctica deportiva.
✅ Promoción do deporte adaptado e de integración
No baremo para outorgar as axudas aos clubs incrementaranse as axudas ás entidades que aposten polo deporte adaptado e de integración. O concello facilitará a formación aos adestradores dos clubs para facer posible que todas as persoas podan practicar deporte.
✅ Eliminación das barreiras arquitectónicas nas instalación deportivas
Faremos accesibles todas as instalacións deportivas municipais eliminando as barreiras arquitectónicas para que todas as persoas que o desexen podan practicar deporte e facer uso de todo o equipamento deportivo municipal.
✅ Apoio ás competicións deportivas supramunicipais
Somos Cambados é consciente do potencial económico do deporte base. Apoiaremos a organización de eventos supramunicipais que xeren retorno económico nos nosos comercios e locais de hostalaría.
No baremo de concesión de axudas, primarase a aqueles clubs que organicen eventos deportivos de carácter supramunicipal.
Un Cambados orgulloso da nosa cultura e da nosa historia
Tino Cordal, candidato á alcaldía:
“Como adoita dicir a nosa candidata, Maribel Iglesias, Cambados é un pobo que reborda cultura por todas partes. Temos a sorte de contar con numerosos escritores, poetas, escultores, pintores, artistas audiovisuais, músicos, que son referentes no seu campo artístico. É unha vila que respira arte por cada rúa e por cada recuncho.”
“Esa riqueza cultural e histórica debe servir para estar orgullosos do que fomos e do que somos, pero tamén debe servir para a súa posta en valor e convertela nunha fonte de ingresos económicos e nun motor de creación de emprego”.
✅ Revitalización da Festa do Entroido
É preciso impulsar esta festa para que o entroido cambadés volva ser unha referencia na nosa comarca, potenciando aqueles eventos que concitaron maior resposta da cidadanía, como por citar un exemplo, “A túa cara sóame”. Adiantaremos o comezo das festas ao domingo anterior coa actuación das comparsas no Auditorio, e para despertar o interese dos máis xóvenes por esta festa, promocionaremos un concurso de comparsas dos colexios e institutos de Cambados, cunha actuación conxunra na tarde do venres de Entroido. Fomento das festas máis pequenas do pobo, orientandoas para atraer máis a xente moza.
✅ Apoio aos mozos artistas
Edición de obras literarias conxuntas para promocionar aos nov@s creadores literarios. Exposicións conxuntas d@s nov@s creadores das artes plásticas. Difusión da obra musical d@s mozos creadores mediante a celebración de concertos e a gravación conxunta das súas obras.
✅ Impulsar a celebración dunha Festa de carácter histórico
Este evento debe cumprir un triple obxectivo: dar a coñecer a nosa historia aos veciños e visitantes, poñer en valor toda a zona declarada BIC (Fefiñáns, San Tomé e rúas do casco urbano) e desestacionalizar o turismo. Desde o Concello promoveremos a paulatina introdución desta festa no circuíto de festas históricas (Feira Franca de Pontevedra, Festa da Historia de Ribadavia ou Festa da Arribada de Baiona), que repercuten moi positivamente na economía local. As datas da súa celebración consensuaranse cos comerciantes e hostaleiros.
✅ Fomentar a creación de iniciativas privadas no sector cultural
Apoio a creación de empresas ou fundacións que poñan en valor a cultura e o patrimonio de Cambados. Colaboración coas entidades que impulsen iniciativas que difundan a nosa riqueza cultural e que xeren un retorno económico para o noso tecido comercial e hostaleiro.
✅ Revitalización do entorno de Fefiñáns

A definitiva peonalización da praza de Fefiñáns e da rúa Real ofrece novas posibilidades de dinamizar esa puxante zona comercial e hostaleira. Somos Cambados porá en marcha visitas teatralizadas polo casco antigo para poñer en valor o noso patrimonio e a nosa historia, e continuará coas actividades de promoción dos nosos produtos do mar así como cos concertos nas rúas coincidindo con algunha campaña comercial. Tamén instalaremos beirarrúas no acceso a Praza pola Avenida da Coruña para facilitar o acceso a mesma.
Ademais de ser unha zona comercial e hosteleira, cómpre puntualizar que á hora de planificar actuacións nesa zona é necesario escoitar aos veciñ@s.
✅ Diversificación e desestacionalización da oferta musical e cultural
A programación musical e cultural debe realizarse atendendo á diversidade de estilos musicais, e intentando que sexa do gusto d@s cambadeses de todas as idades. Ao mesmo tempo, é necesario diversificar os concertos a outras estacións do ano, e non centralizalos só no verán.
Cambados co noso comercio e os nosos sectores produtivos e coa industria
Tino Cordal, candidato á alcaldía:
“A defensa dos nosos sectores produtivos será prioritaria na nosa acción de goberno.Xunto ao Mar, auténtico motor da nosa economía, existen outros sectores dunha gran potencialidade para xerar riqueza e emprego. Desde o concello debemos seguir apostando para sentar as bases que nos permitan que o noso tecido económico siga medrando.”
✅ Melloraremos o Polígono Industrial e fomentaremos o Emprego

O Polígono Industrial Sete Pías precisa estar dotado do equipamento e das infraestruturas que os empresarios demandan, melloraremos os accesos e as zonas verdes do Polígono. Ampliaremos o Viveiro de Empresas, con novos despachos para os emprendedores.
Seguiremos realizando cursos e formación para a empregabilidade dos veciñ@s de Cambados, novos cursos baremables para o marisqueo a pe, solicitaremos cada ano o Obradoiro de Emprego e o de Garantía Xuvenil e Cursos AFD para desempregados. Crearemos unha Bolsa de Emprego Municipal e imos ampliar o servizo de orientación laboral do Concello, reducindo máis aínda o desemprego en Cambados.
Somos Cambados realizará unha forte aposta pola formación de autónomos e comerciantes para mellorar as súas ventas; ademais, intensificaremos as campañas de promoción do comercio local no Nadal, e continuaremos coa convocatoria de axudas a emprendedores, iniciativa que supuxo que por primeira vez o concello de Cambados subvencionase aos mozos que crearan a súa propia empresa.
Somos Cambados impulsará as campañas de sensibilización entre toda a poboación para animar a comprar no comercio local, realizaremos charlas nos colexios e nos institutos para concienciar aos mozos de Cambados da importancia de dinamizar o comercio local.
✅ Traslado do mercado
O traslado do mercado ás rúas Hospital, Nova e Lugo aforraría ás arcas municipais uns 60.000 € en concepto de taxas pagadas a Portos de Galicia e liberaría arredor de 150 prazas de aparcamento no casco urbano os días de maior actividade comercial (mércores e sábado), ao tempo que revitalizaría unhas rúas con escasa actividade económica. Dotaremos dunha nova bolsa de estacionamento no Centro de Cambados.
✅ Un novo impulso á Festa do Albariño
Promover unha programación variada ao gusto de tod@s. Impulsar iniciativas que repercutan no comercio e na hostelería local e dos nosos productos, seguindo o exemplo das Food Trucks. Levar un mellor control dos residuos producidos.
Promoción dos artistas locais actuando como teloneiros dos grandes concertos de Fefiñáns. Ampliar os lugares de celebración da festa. Continuar impulsando iniciativas solidarias arredor da festa, como o Xantar solidario.
✅ Mercado de productos agrícolas en Fefiñáns
Celebración, inicialmente con periodicidade mensual, dun mercado de productos d@s nos@s agricultores na praza de Fefiñáns (antiga praza do Mercado), acompañada de charlas divulgativas para incentivar o consumo de cercanía e de actuacións musicais e xogos tradicionais que axuden a promocionar esta iniciativa e a revitalizar o entorno comercial e hosteleiro da praza.
✅ Cambados, sede do Consello Regulador da D.O. “Rías Baixas”
Promover iniciativas conxuntas co sector do Viño e impulsar a unión de toda a cidadanía cambadesa para reclamar cunha soa voz que a sede do Consello Regulador estea na comarca onde se atopan o 68 % das adegas e o 75 % dos viticultores.
✅ Redución da tarifa do lixo a hostaleiros e particulares
Reduciremos a tarifa de recollida do lixo a hoseleir@s e particulares, e realizaremos a recollida nos propios locais de hostalaría, rematando así con problemas de salubridade e mala imaxe.
✅ Apoio ao turismo de congresos
Cambados ten as condicións idóneas para ser un referente no turismo de congresos. Esta modalidade de turismo crea un retorno de 43 € por cada euro investido e o turista de congresos gasta 6 veces máis que o convencional, cun gasto diario de 243 €, segundo a Spain Convention Bureau, ademais de ser un elemento fundamental para desestacionalizar o turismo.
Durante este mandato, Cambados acolleu varios congresos relacionados coa Sanidade, organizado pola concellería que dirixe Tino Cordal. É necesario un impulso decidido para que Cambados se posicione como un referente no turismo de congresos en Galicia.
✅ Creación dunha área de estacionamento e servizos destinada a autocaravanas
Esta modalidade de turismo está en continuo crecemento. Na actualidade existen en España un total de 45.000 autocaravanas e cada ano entran procedentes de diversos países de Europa uns 200.000 vehículos deste tipo deixando uns 340 millóns de euros. Ante a escasez de áreas de estacionamento e servizos para autocaravanas nos concellos do noso entorno, Cambados debería reaccionar para posicionarse como un destino preferente deste puxante sector turístico.
✅ Promoción do sector do Mar do Enoturismo.

O mar é o motor da
economía cambadesa. Polo tanto, é necesario seguir promocionando os produtos do
mar realizando eventos ou fomentando actividades formativas que redunden na
maior profesionalización do sector e no incremento de mercados para os nosos produtos.
Como factor clave de desestacionalización, fomentaremos e impulsaremos o enoturismo, implantando e xestionando desde a Oficina de Turismo municipal rutas guiadas adaptadas ás demandas e particularidades dos turistas que soliciten este servizo, incluíndo nas rutas a visita polo Conxunto Histórico co obxecto de que realicen as súas compras no comercio e hostalería cambadeses.
✅ E, como fixemos nestes 4 anos, seguiremos…
No período 2015-19, Somos Cambados xestionou as áreas de Economía, Promoción Económica e Comercio. A pesar da complicada situación económica conseguimos aumentar o gasto destinado á promoción do comercio e abrimos o primeiro viveiro industrial da comarca e o viveiro de empresas. No próximo mandato seguiremos:
- incrementando o gasto destinado aos emprendedores.
- promocionando o comercio e os nosos sectores produtivos.
- conxelando os impostos e taxas municipais.
- Reducindo a débeda municipal.