Na celebración do debate electoral o candidato de Somos Cambados, Tino Cordal, interpelou ata en dúas ocasións a Sabela Fole sobre a posibilidade de reabrir ao tráfico a praza de Fefiñáns no caso de que chegase á alcaldía. A resposta da candidata do PP foi, nas dúas ocasións, un atronador silencio. Non nos extraña. Coñecemos perfectamente, e a maioría dos cambadeses tamén, o compromiso de Sabela Fole con algúns hostelairos e comerciantes para reabrir a Praza ao tráfico “en principio durante todo el invierno”, aínda que agora, 16 días despois do debate e asustada pola repercusión electoral desa medida, intente recuar.
Estamos afeitos a que quede sen palabras nos momentos nos que máis se necesita alzar a voz, porque ese mesmo silencio atronador foi tamén a única resposta da candidata do PP aos continuos desprezos da Xunta a Cambados, cando en reiteradas ocasións deixou sen médicos, nin pediatras, nin persoal sanitario o noso Centro de Saúde, ou cando na fin de semana do Albariño, coa previsión de decenas de miles de visitantes, deixou a Cambados sen persoal sanitario, tendo o Concello que asumir os custes de contratar un hospital de campaña.

E ese mesmo silencio foi a súa única resposta cando en plena pandemia a Xunta decide abrir o comercio e a hostalería de Sanxenxo e obrigar ao peche aos comerciantes e hostaleiros de Cambados, sendo a incidencia da Covid moito menor na nosa vila. Onde estaban daquela Sabela e o PP local cando todo Cambados clamaba contra esa nova inxustiza da Xunta?

Tamén o silencio atronador foi a súa única resposta cando Portos impuxo ao Concello unha taxa anual de 50.000 € pola utilización do Salón Peña, cando, como todos sabemos, foi reformado polo Concello aportando máis de un millón de euros, sen que Portos puxese nin un só céntimo. Ese mesmo silencio foi a resposta da candidata do PP cando meses despois de que o Concello entregase as chaves do Salón Peña, Portos pasase ao Concello un cobro de 21.000 € polo seu uso.
E, como non podía ser doutra forma, tamén calaron ela e o PP cambadés cando Portos cobrou pola instalación dunha árbore de Nadal en San Tomé, ou cando, hai apenas uns días, querían impedir aos escolares cambadeses a celebración do acto das Letras Galegas no paseo da Calzada.

Nestes últimos anos, en todas e cada unha das múltiples ocasións nas que a Xunta de Galicia discriminou e desprezou a Cambados, a candidata do PP posicionouse sempre e inequivocamente do lado da Xunta e contra os intereses dos seus veciños e veciñas.
Esta actitude non nos sorprende en absoluto. Todo Cambados coñece sobradamente quen move os fíos da candidata do PP. Son os mesmos de sempre. Os que especularon coa venta do campo de fútbol da Mercé aos seus “amigos” por un prezo ridículo ou os que deixaron ao Concello a punto de quebrar con 4 millóns de débeda e centos de miles de euros en facturas sen contabilizar agochadas nos caixóns.
Cambados merece uns representantes municipais que non reciban ordes de Pontevedra, nin de Santiago, nin de Madrid, e que teñan como único obxectivo a defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Cambados.