Somos Cambados leva no Programa de Goberno a desafectación dos terreos do Paseo da Calzada e da Alameda de San Tomé que dende fai anos non teñen uso portuario
Esta mañá, momentos antes de iniciarse o acto que os colexios públicos cambadeses realizan no Paseo da Calzada con motivo do día das Letras Galegas, un Funcionario de Portos de Galicia tratou de impedir dito acto aludindo a que os murais confeccionados polos escolares si podían estar apoiados no muro da casa da Calzada porque non é de dominio de Portos, pero que o pequeno palco montado no Paseo da Calzada onde os escolares de todos os colexios cambadeses ían cantar e recitar poemas non podía ser utilizado por estar en terreo de Portos de Galicia.
Despois de realizar as oportunas xestións coa delegación de Pontevedra de Portos de Galicia o acto celebrouse segundo o programa establecido polo Concello. A pesar de que xa pasaron case 200 anos desde que o lugar onde se ubica o Paseo da Calzada deixara de ter uso marítimo, Portos de Galicia segue cobrando ao Concello polo seu uso durante a Festa do Albariño, a Feira de Oportunidades, a Feira de Antigüidades, etc…
Pero a inquina de Portos de Galicia con Cambados vén de lonxe. Este ente público dependente da Xunta do PP xa remitira no seu día ao Concello de Cambados unha liquidación por importe de 20.800,52 € en concepto de “ocupación ou aproveitamento de dominio público” do Salón Peña entre o 1 de xullo e o 30 de novembro de 2021, a pesar de que o Concello formalizara catro meses antes a “renuncia total” á ocupación dese inmoble e lle fixera entrega das chaves de acceso. Como todos os cambadeses sabemos, o Salón Peña foi reformado polo Concello cunha inversión de 1.100.000 €, sen que Portos de Galicia contribuira cun só euro.
A avaricia deste ente público dependente da Xunta do PP chega a tal punto que obriga ao Concello a pagar unhas taxas polas probas deportivas que percorren o Paseo Marítimo ou mesmo pola instalación da árbore de Nadal en San Tomé.