CAMBADOS ENTRE OS CONCELLOS QUE MÁIS AXUDAS DEDICAN AO DEPORTE BASE

Somos Cambados inicia a rolda de contactos cos clubs deportivos cambadeses para presentarlles as propostas no Programa de Goberno e recoller as principais demandas dos clubes

O Grove e Cambados son os concellos do Salnés que máis diñeiro dedican ao deporte base, destacando o concello meco con 8,60 € por habitante, seguido de Cambados, que dedica aos seus clubes deportivos 7,10 € por habitante. No caso do Grove destaca o seu enorme potencial en piragüismo, no que os seus clubes son un referente en toda España e Europa.

No que respecta ás convocatorias de subvencións, Sanxenxo é o único Concello que chega aos 100.000 €, que reparte entre equipos e deportistas individuais, situándose a continuación Vilagarcía e O Grove con cantidades cércanas a Sanxenxo, se ben Vilagarcía ofrece outras contraprestacións e servizos ao contar cunha Fundación municipal cun orzamento superior ao millón de euros. Inmediatamente despois atópase Cambados, que reparte 85.000 Euros.

Tras O Grove e Cambados sitúase Ribadumia con 6,54 € dedicados ao deporte base por habitante, Sanxenxo con 5,63 €, Meaño con 4,25 € e Meis, que dedica 3,91 € por habitante. O último lugar ocúpao Vilanova de Arousa, que non chega aos 2 € por habitante.

Vilanova de Arousa apenas dedica 20.000 € a apoiar aos seus clubes deportivos, cantidade menor á que dedican concellos con menos da metade de poboación como Meaño, Meis ou Ribadumia.

Somos Cambados quere introducir no vindeiro mandato axudas económicas para que os rapaces de familias sen recursos poidan practicar deporte nas escolas municipais, así como establecer tamén as bases dunhas axudas directas para deportistas de alto nivel.