Somos Cambados inicia a rolda de contactos coa dirección dos centros públicos de ensino cambadeses para presentarlles as propostas no Programa de Goberno. Cambados lidera as axudas municipais ao estudio
O candidato á alcaldía por Somos Cambados, Tino Cordal, iniciou unha serie de reunións coa dirección de tódolos colexios públicos cambadeses para recoller as súas demandas sobre o estado das instalacións así como expoñer as liñas principais do programa de goberno para o vindeiro mandato en materia de educación e poder ter en conta as súas propostas, visitando no día de hoxe a Escola Infantil da Modia, o Colexio Antonio Magariños e o Colexio de San Tome.
Cordal constatou que os colexios públicos precisan dun mantemento periódico por parte da administración local, polo que Somos Cambados leva no seu Programa de Goberno un “Programa de Mantemento Escolar” dos colexios públicos cambadeses, no que se detallen as principais necesidades destes centros de ensino, e asegurou que “é absolutamente prioritario para Somos Cambados establecer un programa de mantemento anual para mellorar o acondicionamento dos nosos colexios públicos para que o dereito básico á escolarización dos nosos nenos e nenas se realice nas mellores condicións posibles”. Cordal asegurou que “para Somos Cambados a Sanidade e a Educación públicas son unha prioridade como demostramos nestes anos”, polo que se comprometeu a activar o Consello Escolar Municipal e que sexa o persoal docente xunto coas ANPAs, de forma coordinada, os que participen activamente no programa de mantemento dos centros públicos de ensino cambadeses.

Melloras nos centros públicos de ensino nos últimos anos
Dende o Goberno municipal nestes últimos anos traballouse na apertura dos Comedores Escolares dos centros públicos de ensino de Vilariño, Castrelo, San Tomé e Corvillón e séguese a colaborar coas ANPAs no seu funcionamento, ademais de reforzar o servizo de limpeza en tódolos centros públicos coa contratación de novo persoal municipal, pero dende Somos Cambados consideramos que é preciso aumentar a coordinación con tódolos centros públicos de ensino cambadeses para mellorar o mantemento dos mesmos e por tal motivo consideramos unha prioridade no novo mandato a posta en funcionamento do Consello Escolar Municipal do Concello de Cambados.
Nestas reunións, o candidato á alcaldía por Somos Cambados Tino Cordal, estivo acompañado pola número 2 da candidatura, Noelia Gómez Fabello, gran coñecedora da realidade do alumnado e dos centros educativos de Cambados por ter alumnos de diversas idades e centros escolares no seu ximnasio, ademais de colaborar directamente con varios centros públicos da comarca.

Cambados lidera as axudas municipais ao estudio
Cambados dedica anualmente 27.000 Euros a axudas ao estudio e material escolar, o que o sitúa á cabeza do Salnés en apoio aos estudantes, seguido de Vilagarcía de Arousa, que con tres veces a poboación de Cambados dedica 60.000 Euros. Entre os concellos de menor poboación da comarca destacan Meaño e Ribadumia, que contan cunha partida de 4.000 Euros, se ben o curso pasado o concello de Meaño convocou unhas axudas específicas para cursar másters de postgrao universitario.
O importe das axudas varía dos 90 Euros a cada alumno que cumpra os requisitos de renda do concello de Meaño aos 200 Euros que outorgan Cambados e Vilagarcía de Arousa para os alumnos matriculados en FP ou Bacharelato. Polo que respecta ás axudas ao ensino superior, cada universitario cambadés que cumpra os criterios de renda e que teña o seu centro de estudio a máis de 30 km terá unha axuda de 500 Euros por curso, mentres que a axuda máxima dun universitario de Vilagarcía é de 400 Euros. Concellos como O Grove ou Sanxenxo tamén dispoñen de axudas pero de menor contía. O único concello do Salnés que non conta con ningún tipo de axudas ao estudio, nin para mercar material escolar é Vilanova de Arousa.
