Somos Cambados inicia a rolda de contactos que terá con diversos colectivos da sociedade e da economía cambades cunha reunión con dous sectores da vila que están en serios problemas na actualidade e que precisan a axuda e colaboración de distintas administracións
Somos Cambados reuniuse nestes días coa Cofradía de Pescadores de San Antonio de Cambados e con representantes do sector mexilloeiro, dous sectores que nos últimos tempos levan sufrindo o desamparo do goberno autonómico e que necesitan o apoio das institucións máis próximas.

Por parte da Cofradía sinalouse a difícil situación pola que están a pasar os rañeiros derivada da escaseza de marisco que fai previsible un inicio de campaña no que será moi difícil traballar con normalidade.
Pola súa parte o sector mexilloeiro trasladou aos representantes de Somos Cambados o problema que están a ter coa mexilla, onde a Xunta de Galicia non acaba de dar solución ao conflito creado dende esta administración entre o sector mexilloeiro e percebeiro. Un problema este, que afecta a boa parte do sector do mar e polo tanto tamén lle está a facer dano a economía cambadesa no seu conxunto.
Estes dous sectores foron escollidos por Somos Cambados para esta primeira reunión pola súa importancia na economía da nosa vila e polas diversas problemáticas que están atravesando nestes intres e son polo tanto dous focos aos que temos que prestarlle especial atención dende o Concello co obxectivo de darlle solución as distintas circunstancias que afrontan.
Somos Cambados marca así o inicio das reunións que terán lugar durante os vindeiros días e semanas cos sectores máis importantes da economía cambadesa e que se ampliarán tamén a diversos colectivos con moita influencia na nosa sociedade, como poden ser colectivos deportivos ou culturais i en xeral con todo tecido asociativo da nosa vila.
