SOMOS CAMBADOS PROPÓN UN APARCAMENTO SUBTERRÁNEO NA PRAZA DA MERCÉ

SOMOS CAMBADOS anuncia a súa primeira proposta para o mandato 2023-2027. Trátase da construción dun aparcamento subterráneo na Praza da Mercé, en Fefiñáns.

Na actualidade xa existe un pequeno parking utilizado polos residentes dos edificios contiguos. Pero, segundo a información que traslada SOMOS CAMBADOS, podería habitarse un espazo de máis de dous mil metros cadrados no cal caberían máis dun cento de vehículos.

De feito, houbo unha proposta semellante en anteriores mandatos que non se chegou a materializar. Por iso, a entrada ao aparcamento actual é tan ampla e a praza situada enriba está tan elevada.

SOMOS CAMBADOS propón agora a construción dun aparcamento independente do existente para as vivendas dos edificios contiguos. Sería de xestión municipal, ao igual cos existentes noutros concellos da comarca. Os ingresos que se obtiveran no verán poderían servir para afrontar os gastos anuais de mantemento do parking. Mentres, fóra da época estival, entre o 15 de setembro e o 15 de xuño, poderían habilitarse prazas a prezo reducido. Tamén cabería a posibilidade de aplicar descontos para residentes, de maneira que as dúas primeiras horas fosen gratuítas para veciñas e veciños.

Esta proposta dun aparcamento subterráneo na Praza da Mercé á primeira que SOMOS CAMBADOS incluirá no seu programa de goberno para o mandato 2023-2027, para cuxa elaboración recollerá outras propostas que lle trasladen os cambadeses e as cambadesas a través da súa páxina web e das redes sociais. Así, do mesmo xeito que nas campañas electorais anteriores, 2015 e 2019, SOMOS CAMBADOS elaborará un programa aberto e participativo.