SOMOS CAMBADOS CONSTITÚESE COMO PARTIDO POLÍTICO

Somos Cambados asina ante notario os estatutos aprobados pola asemblea, mantendo a súa esencia aberta e asemblearia.

Con este paso afiánzase como alternativa política tras presentarse en 2015 e 2019 formando parte dunha coalición electoral.

Tino Cordal expresou hoxe a súa satisfacción pola sinatura notarial da constitución de Somos Cambados como partido político: “hoxe demos un paso máis para a consolidación dun proxecto esencial para a nosa vila, outro avance necesario para afianzarnos como organización ao servizo das veciñas e dos veciños de Cambados.”

Aínda que Somos Cambados comezou a súa andaina política en abril de 2015, presentándose logo ás eleccións municipais de 2015 e 2019, baixo as siglas políticas dun partido instrumental e formando parte dunha coalición electoral, a asemblea de Somos Cambados decidiu dar o paso de constituírse como partido político, sen vinculación con outras organizacións.

Así, na última asemblea aberta celebrada aprobáronse por unanimidade os estatutos da organización que hoxe foron elevados a público e ratificados ante notario, coa intención de que sirvan de base para presentarse ás vindeiras eleccións municipais.

Somos Cambados vai manter o seu espírito asembleario e aberto á cidadanía, como ven sucedendo ata o de agora. Así aparece reflectido nos estatutos da organización asinados esta maña.

Somos Cambados entrou no goberno municipal en xuño de 2015 e, a día de hoxe, segue a formar parte do goberno de Cambados, sendo unha formación clave para que se producira o cambio político en Cambados tras 28 anos de maioría absoluta do Partido Popular.

Nos vindeiros días continuarase co traballo da organización para as próximas eleccións municipais do 28 de maio de 2023. Iso vai implicar a convocatoria dunha asemblea aberta para iniciar a elaboración do programa e formalizar o proceso de primarias para confeccionar a candidatura de Somos Cambados de cara á convocatoria electoral.