Somos Cambados celebrou esta mañá una importante asemblea xeral, moi concorrida, na que se aprobou por unanimidade a constitución de Somos Cambados como unha nova organización política, mantendo o seu carácter asembleario, aberto, horizontal e participativo
O modelo de plataforma veciñal segue sendo similar na práctica, aínda que formalmente Somos Cambados dótase duns órganos e dunha estrutura organizativa que lle permitirá consolidar o seu proxecto nos próximos anos, coa finalidade principal de seguir traballando para mellorar a vida das cambadesas e dos cambadeses.
A asemblea contou coa participación de case medio cento de simpatizantes que aprobaron por unanimidade os novos estatutos, que establecen os seguintes obxectivos xerais:
“SOMOS CAMBADOS defínese como unha plataforma para impulsar a participación das veciñas e dos veciños na política municipal. A finalidade de SOMOS CAMBADOS é, dende a participación activa, propoñer e desenvolver medidas que estean orientadas a procurar e darlles solucións aos problemas que lles afectan aos veciños e ás veciñas de Cambados.
Evidentemente, as solucións a estes problemas poden verse dende diversas ópticas. Dende SOMOS CAMBADOS queremos resolvelas dende unha perspectiva da xustiza social, da defensa das persoas traballadoras, das máis necesitadas e das minorías. Tamén dende a utilización correcta dos servizos públicos nunha dirección de atención social e acceso universal aos mesmos.
Ademais, SOMOS CAMBADOS velará pola conservación do patrimonio de Cambados, tanto material coma cultural, pola defensa das nosas tradicións e da cultura e lingua galegas.
Tamén defenderá o empoderamento da muller na sociedade, dende unha perspectiva feminista, procurando sempre que as mulleres acaden, cando menos, os mesmos niveis de inserción social e laboral cos homes.
SOMOS CAMBADOS declárase ecoloxista. Terá unha decidida defensa do medio ambiente e das políticas respectuosas coa natureza. Igualmente, SOMOS CAMBADOS apoiará todas aquelas accións que contribúan á loita contra o cambio climático.
En definitiva, SOMOS CAMBADOS é unha organización política defensora da igualdade e da xustiza social, de carácter progresista, galeguista, feminista, ecoloxista e sempre aberta á participación veciñal”.
A Asemblea Xeral de Somos Cambados tamén elixiu unha nova Comisión Executiva, integrada polas seguintes persoas:
Portavoz de Somos Cambados: Tino Cordal
Responsable Local: Ramón Ambrós
Xurxo Charlín nas Áreas de Economía e Urbanismo
Fernando Patricio nas Áreas de Deportes e Comercio
Maribel Iglesias nas Áreas de Cultura e Turismo
Noelia Gómez nas Áreas de Mocidade, Muller e Igualdade
Antón Cordal nas Áreas de Emprego e Industria
Silvia Vozza nas Áreas de Servizos Sociais e Sanidade
Ana Pintado nas Áreas de Medio Ambiente e Terceira Idade
Benito González nas Áreas de Mar e Medio Rural
Mabel Falcón nas Áreas de Participación Cidadá e Parroquias
Manuel Fariña nas Áreas de Ensino e Normalización Lingüística
