O voceiro de Somos Cambados, Tino Cordal, rexistrou unha moción na que se insta ao Concello de Cambados a que condene rotundamente a invasión rusa de Ucraína e manifeste a súa solidariedade co pobo ucraíno
O 24 de febreiro Rusia iniciou a invasión de Ucraína. Unha acción bélica sen ningunha xustificación que viola o dereito internacional e a integridade territorial dun Estado europeo soberano, e tamén o principio de paz humanitaria.
Esta desapiadada acción, cuxo único culpable é o Presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, ameaza a estabilidade de Europa e as vidas da súa cidadanía. Xa que logo, todas as persoas residentes neste continente estamos ameazados e debemos involucrarnos, na medida das nosas posibilidades, para intentar frear esta invasión.
Asemade, cremos que, nestes momentos tan difíciles para un país europeo, cómpre lembrar a existencia doutros conflitos bélicos noutros continentes, igualmente inxustificables, e amosar a nosa solidariedade con todos os pobos atacados violentamente e o noso compromiso coa paz en todo o planeta. Pois, rexeitamos todas as guerras e condenamos (e culpamos) a quen as inicie. Defenderemos sempre a paz e as vías diplomáticas para a resolución dos conflitos, e o respecto polo dereito internacional.
Desta maneira, o voceiro de Somos Cambados, Tino Cordal, vai solicitar que o Concello de Cambados acorde condenar rotundamente a invasión rusa de Ucraína e manifeste a súa solidariedade co pobo ucraíno, e que o Goberno de España e a Xunta de Galicia ofrezan e presten toda a axuda e o refuxio precisos para dar a necesaria resposta humanitaria a esta guerra, atendendo á cidadanía ucraína, vítima desta agresión inxustificada.
