Somos Cambados lembra que o traslado da Sede da Denominación de Orixe foi apoiada por todos os concellos e grupos políticos da comarca na Mancomunidade do Salnés.
A Asemblea Xeral Ordinaria, que normalmente se celebraba ata o de agora en Cambados, está convocada para o xoves 27 en Pontevedra.
Tino Cordal, portavoz de Somos Cambados, expresou hoxe o seu malestar pola convocatoria da reunión da asemblea xeral ordinaria da Asociación Ruta do Viño Rías Baixas en Pontevedra para este xoves 27 de xaneiro. Somos Cambados rexeita a convocatoria desta asemblea en Pontevedra cando a sede da Asociación Ruta do Viño Rías Baixas está en Cambados, na rúa do Príncipe nº 10, no baixo do Pazo de Torrado, local que foi acondicionado polo Concello de Cambados para o traballo administrativo e a atención ao público da devandita asociación. Se precisaran outro local maior por cuestión de aforo, poderían facer a asemblea na Casa da Calzada (Exposalnés), no Museo do Viño ou no Auditorio Municipal da Xuventude, por citar tres posibles espazos para esa reunión.
Por outra banda, Somos Cambados seguirá a reclamar o traslado da sede do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas a Cambados, onde sempre tiña que ter estado. Unha reivindicación que Somos Cambados leva defendendo dende o ano 2015 e que foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación Municipal cambadesa e demais concellos da comarca, así como por parte da Xunta da Mancomunidade do Salnés.

Ademais dos apoios institucionais, Somos Cambados solicitoulles o seu apoio ás adegas e aos viticultores da Denominación de Orixe Rías Baixas. O obxectivo final é, evidentemente, conseguir que a sede do Consello Regulador da D.O. se sitúe en Cambados. Para iso, preténdese acadar un compromiso coa Xunta de Galicia e co propio Consello Regulador para establecer unha data concreta na cal a sede abandone Pontevedra (cidade que non forma parte da D.O. Rías Baixas) e comece a funcionar na Capital do Albariño.