MOCIÓN
O Grupo municipal de Somos Cambados quere mostrar o seu apoio ao colectivo de persoas trans dándolle visibilidade, xa que é imposible axudar a quen non recoñece que necesita axuda, sexa unha persoa ou un conxunto delas. No estado a nosa Constitución no seu Título I, artigo 14 establécese que “os españois son iguais ante a Lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social” e o Artigo 9.2: “ Corresponde aos poderes públicos promover as condicións para a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social”.
Dende Somos Cambados, creemos que é obrigación das persoas que exercen cargos de responsabilidade detectar os problemas que afectan o seu ámbito social e exercer un labor de concienciación, porque como sociedade, o que permanece invisible, non existe, e por tanto non se pon ningún empeño en melloralo. Visibilizar os problemas sociais é o primeiro paso na súa solución. Se hai un colectivo que permanece invisible, ese é o das persoas trans. Probablemente se fixésemos unha enquisa, a proporción de nós que nin sequera coñeceu a algunha persoa transxénero sería mínima. Exactamente igual que o colectivo homosexual ata non hai tanto tempo. Iso non significa que non estean, que non existan, significa que se ocultan, desgraciadamente por medo.
Un mes de outubro de 1991 morreu asasinada Sonia Rescalvo; foi a primeira ocasión neste país en que se documentou este tipo de delito como asasinato por motivo transfóbico. Ese foi un gran paso. O que propón Somos Cambados é que se acorde por unanimidade da corporación a visibilización deste colectivo uníndose á celebración dos seus dous días de conmemoración internacional. O Día Internacional da Memoria Trans, ( TDoR), celébrase anualmente o 20 de novembro, é un día dedicado á memoria daquelas persoas que foron asasinadas, vítimas da transfobia, o odio e o medo ás persoas transxénero e de xénero non convencional, así como a lembrar a violencia continua que sofre a comunidade transxénero.
O Día Internacional da Memoria Transexual foi creado en 1998 por Gwendolyn Ann Smith, unha muller transexual, deseñadora gráfica, columnista e activista en memoria do asasinato de Rita Hester. En resposta ao seu asasinato e ao pouco respecto que os medios de comunicación mostraron á vítima, a pena e a indignación provocaron unha vixilia o venres seguinte (4 de decembro), no que participaron unhas 250 persoas. A vixilia inspirou non só o TDoR, senón tamén o proxecto da internet « Remembering Our Dead» Desde a súa creación, o TDoR foi celebrado anualmente o 20 de novembro, aos poucos pasou de ser un día internacional de acción. Baseado sobre todo en Estados Unidos e o Reino Unido, xa en 2010 o día celebrouse en máis de 185 cidades en máis de 20 países. O Día Internacional da Visibilidade Transxénero é unha conmemoración anual que ten lugar o 31 de marzo, dedicada á celebración das persoas trans e a sensibilización en contra da discriminación cara a elas en todo o mundo.
Especialmente importante é a sensibilización nos centros educativos, onde ser trans é practicamente imposible. A falta de visibilidade e información sobre a transexualidad, fai que exista unha desinformación e falta de ferramentas sobre como actuar en caso de ter un menor transexual na aula. O acoso escolar transfóbico, e mesmo a súa derivación en suicidio, segue sendo alto, e faise necesario achegar desde a política ferramentas para medilo, analizalo, previlo e combatelo, achegando tamén aos docentes a formación e información necesarias para afrontar estas situacións. Neste mesmo sentido, a educación é, sen dúbida, a principal ferramenta para transmitir os valores de igualdade, sendo preciso garantir unha educación inclusiva que protexa e recoñeza a diversidade afectiva e sexual das persoas.
Motivo polo que se solicita que se tome o acordo de instar á Xunta de Galicia a desenvolver e/ou revisar os protocolos de actuación en centros educativos que inclúan especificacións e orientacións para garantir o respecto aos dereitos fundamentais do alumnado transexual, así como a súa plena e normal integración e inclusión escolar, incluíndo actuacións de sensibilización, asesoramento e formación dirixidos á comunidade educativa, así como os que poidan levar a cabo para prever, detectar e intervir sobre situacións de transfobia, exclusión ou acoso escolar exercidos sobre o alumnado escolar. Ademais de que a Corporación do Concello de Cambados acorde manter as medidas orientadas a sensibilizar a toda a poboación e manter a participación activamente no “Día Internacional da Visibilidade Transxénero” e no “Día Internacional da Memoria Trans”.