SOMOS CAMBADOS APELA AO DIÁLOGO PARA ACADAR UN GOBERNO DE ESQUERDAS


  • A seis días do Pleno de Investidura, non recibimos ningún contacto por parte do PSOE para comezar as reunións.
  • O respecto e o diálogo son cualidades necesarias na política.

Dende a mesma noite electoral, Somos Cambados púxose en contacto coa candidata do PSOE para expresarlle os seus parabéns e amosarlle a súa vontade de chegar a un pacto de goberno que facilitara a súa investidura. A asemblea de Somos Cambados acordou este posicionamento por unanimidade. Pero, pasadas dúas semanas dende o 26 de maio, non recibimos ningunha resposta ao noso ofrecemento.

O resultado das eleccións municipais foi ben claro: 4 concelleir@s para o PSOE, 3 para Somos Cambados e 2 para o BNG. Xa que logo, é preciso un pacto de goberno das tres forzas políticas de esquerdas para que Cambados teña un goberno estable.

Dende Somos Cambados non entendemos porque se está a adiar tanto a celebración de reunións que favorezan ese pacto. Utilizouse primeiro como escusa que o escrutinio non era definitivo e agora que hai unha xunta de goberno e un pleno extraordinario que van durar apenas uns minutos.

Presentarse a unha investidura sen ter os apoios suficientes sería unha irresponsabilidade. Para Somos Cambados non tería sentido investir á candidata socialista se non se compromete previamente a formar goberno con todalas forzas implicadas. Somos Cambados non dá cheques en branco. Xa que logo, se non hai un acordo de goberno asinado non avalaremos a súa investidura.

Somos Cambados amosa a súa confianza en poder acadar un acordo e queremos lembrar que é unha obriga de calquera alcaldable que se postule reunir os votos suficientes para que prospere a súa candidatura.

Hai que facer as cousas con rigor político. Temos tempo para chegar a un acordo senón se adía máis o inicio das reunións e existe verdadeira vontade de acadar un pacto de goberno.