SOMOS CAMBADOS CONSIDERA PRIORITARIO E URXENTE EXECUTAR UN “PLAN DE REFORMA E ACONDICIONAMENTO DOS COLEXIOS PÚBLICOS”

Somos Cambados reúnese con representantes das ANPAs e persoal docente de todos os colexios públicos cambadeses

O candidato á alcaldía por Somos Cambados, Tino Cordal, realizou unha serie de reunións con representantes das ANPAs e persoal docente de todos os colexios públicos cambadeses para recoller as súas demandas sobre o estado das instalacións.

Cordal constatou que todos os colexios públicos presentan algún tipo de carencias e deficiencias, polo que  Somos Cambados leva no seu Programa de Goberno un “Plan de Reforma e Acondicionamento” dos colexios públicos cambadeses, no que se detallen as principais necesidades destes centros de ensino, e asegurou que “é absolutamente prioritaria e urxente a reforma e acondicionamento dos nosos colexios públicos para que o dereito básico á escolarización dos nosos nenos e nenas se realice nas mellores condicións posibles”. Cordal asegurou que “para Somos Cambados a Sanidade e a Educación públicas son unha prioridade como demostramos nestes catro anos”, polo que se comprometeu a acadar a financiación necesaria para solucionar as carencias dos centros públicos de ensino cambadeses.

Ademais, Cordal incidiu que é necesario reforzar a seguridade vial nas contornas de todos os colexios, e que todos os centros conten con baños adaptados en perfecto estado para aqueles nenos e nenas con diversidade funcional ou necesidades especiais.

Principais necesidades dos colexios públicos de Cambados:

COLEXIO DE CASTRELO

–               Cambio de falsos teitos e luminarias no ximnasio.

–               Novos baños e duchas.

–               Reparar as goteiras no pavillón.

–               Arranxar o muro exterior e cambiar o peche por un máis seguro.

–               Facer un pulido do primeiro andar.

–               Acondicionar os patios e os xardíns.

COLEXIO MAGARIÑOS

–               Antigas casas dos profesores. Gañar ese espazo para uso e desfrute do colexio, acondicionándoo e deixándoo preparado para a súa utilización.

–               Aula de informática.  Habilitar un acceso desde o interior do colexio, incorporándoa ao espazo do mesmo como unha aula máis.

–               Mellora dos baños.

–               Mellora da calefacción.

–               Ampliación do comedor escolar. Na actualidade está na aula de inglés. Debido ás reducidas dimensións da aula teñen que comer en dúas quendas. Mellora da calidade do servizo de catering.

–               Mellora xeral das instalacións. Exteriores (patios, xardíns, etc.) e interiores.

–               Reforzo do servizo de limpeza.

–               Paso de peóns diante da porta principal do colexio.

–               Pintado exterior e interior do colexio.

–               Actividades extraescolares. Que todos os colexios se coordinen e unifiquen para optimizar recursos e non competir uns colexios contra outros.

COLEXIO DE SAN TOMÉ

–               Reforzo do servizo de limpeza.

–               Instalación dun vídeo-porteiro.

–               Mellora dos elementos de xogo.

–               Reforma dos baños do segundo andar.

–               Cambio de falsos teitos e de luminarias.

–               Arranxo de portas e ventás.

–               Novo valado exterior.

–               Pasarela dende o colexio ao pavillón deportivo.

COLEXIO DE VILARIÑO

–               Falsos teitos novos.

–               Ventás novas.

–               Novas canastras de baloncesto.

–               Novo peche exterior.

–               Novos baños e duchas.

–               Novo chan para o ximnasio.

–               Reforzo de limpeza.

–               Novas luminarias.

COLEXIO DE CORVILLÓN

–               Ampliación do espazo cuberto.

–               Muro e peche exterior.

–               Novos baños.

–               Novas ventás nalgunhas aulas.

–               Melloras na Pista Deportiva

COLEXIO DA PASTORA

–               Mellora do patio exterior.

–               Arranxo dos baños adaptados.

–               Arranxo do valo exterior e do peche.