O acto de central da campaña electoral de Somos Cambados supuxo unha nova dose de ilusión e optimismo para a formación liderada por Tino Cordal, quen destacou a capacidade e compromiso con Cambados dos integrantes da a súa candidatura para mellorar a calidade de vida de todos veciños, tanto os do centro da vila como os das parroquias do rural. No transcurso do mitin, que contou coa presentación de Olga González Vilas, directora da compañía de Teatro Caracol, interviron todos os candidatos de Somos Cambados, que se encargaron de ir desgranando as propostas electorais do programa de goberno, e anunciando novas iniciativas, como o Plan Retorno, exposto pola empresaria e emigrante retornada Carol Laya, que ten como obxectivo facilitar o regreso á súa terra dos mozos cambadeses que traballan fóra.

Xurxo Charlín destacou que a boa situación económica pola que atravesan as arcas municipais permitirá afrontar a posta en marcha dun ambicioso programa de goberno, ao tempo que destacou que os continuos ataques do PP á candidatura liderada por Tino Cordal demostran que o rival a bater para os populares nestas eleccións é Somos Cambados.
Pola súa parte, Tino Cordal, candidato á alcaldía, destacou o compromiso de Somos Cambados por mellorar os servizos e infraestruturas das parroquias de Cambados, co obxecto de que os veciños do rural teñan as mesmas oportunidades que o resto dos cambadeses; así como a independencia de Somos Cambados que, asegurou, “só ten como único obxectivo a defensa dos intereses de cambados e para elo non temos que pedir permiso a Pontevedra, Santiago ou Madrid, como o demostra a nosa reclamación por unha sanidade pública de calidade para os veciños de Cambados, a reforma do Centro de Saúde de Cambados e o reforzo de Pediatras, ou a reivindicación de Cambados como sede do Consello Regulador ´Rías Baixas´”.
A afluencia de público aos actos de Somos Cambados, especialmente ao de onte no salón de Congresos José Peña, e a cada vez maior corrente de simpatía dos veciños de Cambados, tanto do casco urbano como especialmente do rural, de cara a esta candidatura, fai que Tino Cordal e todo o seu equipo afronten co máximo optimismo os últimos días da campaña.