- Tino Cordal, candidato á alcaldía por Somos Cambados, solicita que o resto de partidos políticos que se presentan ás eleccións municipais cumpran co limite legal do gasto electoral.
- Somos Cambados é o único partido que fai públicas as contas do Grupo Municipal, e inicia unha campaña de donativos para financiar a campaña electoral.
Tino Cordal, candidato á alcaldía, manifestou que durante estes catro anos os concelleiros de Somos Cambados demostraron ser sobradamente rigorosos na xestión dos fondos públicos, e engadiu: “Este compromiso coa transparencia queremos levalo á campaña electoral, de aí que sexamos a única candidatura cambadesa que pon a disposición dos veciños todos os ingresos e gastos correspondentes tanto ao Grupo Municipal coma aos gastos da campaña electoral”.
Baseamos a xestión financeira de Somos Cambados nos principios de transparencia e rendición de contas, de tal forma que esta información se presentará de forma clara e accesible. Por iso, Somos Cambados é o único partido político municipal que publica regularmente na nosa web o balance de ingresos e gastos, especificando claramente a as fontes de financiamento e o destino dos fondos, os extractos bancarios e detalle de cada un dos gastos realizados, e respectando a lexislación vixente en canto a protección de datos dos donantes.
Ademais, Cordal manifestou o compromiso de Somos Cambados de non exceder o límite de gasto legal nesta campaña establecido pola Lei Electoral de 0,11 euros por habitante, para cada unha das candidaturas. Para chegar a esta cantidade Somos Cambados vai contar coas aportacións dos candidatos e simpatizantes, cunha campaña de donativos que se iniciou no día de hoxe.
A liberdade de decisión e actuación veñen da man da autonomía económica. Por iso, o obxectivo de Somos Cambados é a autoxestión e contar coa implicación das persoas para sustentar o proceso que permita a independencia financeira. Somos Cambados mantén como forma de financiacion a apertura dunha conta bancaria na que as persoas que o desexen poderán deixar as súas achegas voluntarias. Na Caixa Rural Galega, con IBAN ES4230700037136204201724, os ingresos deberán deixar constancia da persoa que os realiza, coa súa dirección e o número de DNI ou pasaporte, que neste caso debe mostrar na sucursal. Para estas entregas económicas dun modelo semellante ao micromecenazgo ou crowdfunding, Somos Cambados establece un máximo de 100 euros por persoa. Non imos aceptar o endebedamento coa banca pero tampouco grandes doazóns de persoas e/ou empresas que poidan condicionar o noso discurso e hipotecar as nosas propostas. É importante unha xestión económica equilibrada.

Os orzamentos elaboraranse baixo o principio da economía e a eficiencia, evitando o despilfarro e optimizando os recursos que se están investindo neste proxecto. O candidato á alcaldía de Somos Cambados quere agradecer publicamente o traballo desinteresado do equipo de máis de 50 homes e mulleres nesta precamapaña e na campaña electoral que agora comeza. “Todos os materiais utilizados na campaña, desde a elaboración das pancartas ata o deseño de carteis son realizados por candidatos e simpatizantes de Somos Cambados”, engadíu.
Cordal destacou que unha proba máis do compromiso da súa candidatura con Cambados é o feito de que “todos os gastos desta campaña: sobres, imprenta, pintura, cartelería, etc. son realizados en empresas de Cambados”. Dende Somos Cambados facemos un chamamento ao resto de Grupos Municipais que se presentan ás eleccións municipais, para que fagan públicas as súas contas de gastos e as fontes de ingresos, cumpran co limite legal de gasto electoral vixente, ademais de que realicen en empresas de Cambados tódolos gastos da súa campaña electoral.