Esta medida pretende solucionar unha demanda dos veciños das parroquias cambadesas de inmobles en estado de abandono e a vez aumentar as vivendas sociais de Cambados e facilitar o acceso a vivenda.
Ao longo destes catro anos de traballo municipal, os concelleiros de SOMOS CAMBADOS recolleron multitude de queixas de veciños de todas as parroquias do noso municipio sobre a dificultade para acceder a unha vivenda social, tanto en propiedade como en aluguer, pola escasas vivendas socias existentes no Concello.
De feito, grazas a iniciativa do candidato de Somos Cambados, Tino Cordal, o Concello adheriuse en 2016 ao Convenio do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a posta a disposición de desafiuzados e familias en risco de exclusión social de vivendas valeiras. Así en 2018, un inmoble de Cambados foi ofrecido a unha familia desafiuzada en Vigo como vivenda social en aluguer.
Por outra banda dende a Concellería de Servizos Sociais tamén se crearon no 2016 as Axudas de Emerxencia Social, destinadas a aquelas persoas ou unidades familiares que precisen de apoios para a cobertura de necesidades básicas ante situacións puntuais e sobrevidas de emerxencia social. Entre elas: axudas para alimentación e vestido básicos, e tamén para a cobertura de gastos necesarios para o disfrute e mantemento da vivenda ou aloxamento habitual, e das que se beneficiaron ducias de familias de Cambados nestes catro anos.
Asemade, son numerosas as queixas de veciños que residen no Casco Histórico de Cambados por numerosas vivendas e fincas que se atopan en total abandono, inmobles que nalgúns casos corren o risco de derrube ou de problemas sanitarios, e que o seu estado de abandono ademais de crear un problema de salubridade para os veciños desas vivendas, causan mala imaxe para o turismo e do Casco Histórico da nosa vila.

O pasado xoves publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbana de Galicia, que entrará en vigor o vindeiro 22 de maio. Esta lei ten entre os seus principais obxectivos axilizar a recuperación dos centros históricos e núcleos rurais recuperando e aproveitando o xa construído e impulsando a cultura da rehabilitación. A Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbana de Galicia afecta directamente a dous ámbitos de actuación. Así, por unha banda, incide na rehabilitación de edificios, e, pola outra, na rexeneración urbana. No relativo á rehabilitación de edificios, a lei dá prioridade á recuperación de inmobles deteriorados que non cumpren cos requisitos básicos de funcionalidade, seguridade e habitabilidade. Nese senso, a nova norma urbanística inclúe tamén a potestade da Xunta de Galicia para expropiar vivendas ruinosas nos cascos históricos das vilas e cidades.
O procedemento de expropiación iniciaríase unha vez rematados os prazos concedidos pola administración autonómica para adaptarse á nova lei. Se transcorrido o período concedido para o cumprimento dos requisitos establecidos pola nova lei, os edificios non cumpren coa súa obriga legal, poderán ser expropiados pola administración pola metade do seu valor catastral.

No caso concreto do Concello de Cambados, existe un bo número de edificios en ruínas que terán que cumprir co establecido na nova Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbana de Galicia. Por iso, SOMOS CAMBADOS entende que esta nova normativa pode supoñer unha boa oportunidade, para paliar estes problemas en vivendas nas que os propietarios non se fagan cargo do seu estado de abandono e estado de ruina, e desta maneira que a través do procedemento iniciado pola Xunta de Galicia sexan adquiridas para incrementar o patrimonio público cambadés e destinar estes inmobles expropiados á cubrir a demanda existente no municipio de vivendas sociais.
SOMOS CAMBADOS cre ademais que melloraríamos a imaxe da vila cambadesa e evitaríamos riscos de problemas de seguridade, salubridade e hixiene. Segundo o seu portavoz, Tino Cordal, “trátase dun problema coñecido e claramente visible en distintas rúas cambadesas, que afea e contamina o noso pobo, e que crea moitas molestias e mesmo insalubridade aos veciños destas vivendas abandonadas. Nalgúns casos, mesmo son un risco para os viandantes, xa que algunhas atópanse en estado ruinoso, polo que, con esta medida, estes inmobles serian destinados a vivendas sociais para facilitar o acceso a unha vivenda digna das veciñas e dos veciños de Cambados”