PLAN DE MELLORAS NA ZONA DE A SECA

O candidato a alcaldía de Somos Cambados, Tino Cordal, anunciou un plan de actuacións para mellorar a zona de A Seca (Corvillón), que consistirá na dotación de iluminación no paseo do muíño da Seca e no acondicionamento da pista de patinaxe

O candidato a Alcaldía de Cambados por Somos Cambados, Tino Cordal, ven de presentar a proposta de dotación de iluminación no Paseo da Seca de Cambados, que consistirá na instalación dun cento de balizas de luz rodeando o muíño da Seca, agás na ponte de pedra protexida por Patrimonio.

Esta iluminación, similar á existente no parque de Torrado, non precisa de instalación eléctrica xa que a luz é xerada por enerxía solar e as balizas están dotadas de sensores de movementos, polo que só se iluminarían ao detectar a presenza de persoas, o que minimizaría a contaminación lumínica e non causaría ningún impacto á abundante fauna protexida existente no lugar.

Para realizar esta actuación, Patrimonio esixe desenvolver o Plan Urbanístico da Seca, que Somos Cambados se compromete a realizar para poder acometer estas melloras, moi demandadas por veciños e usuarios desa zona da parroquia de Corvillon.

É necesario recordar que foi a concellería de Economía, que dirixe Xurxo Charlín, quen regularizou a instalación eléctrica no muíño da Seca, que por neglixencia do goberno municipal do PP estivo 15 anos nunha situación de ilegalidade, sen contador da luz e con grave risco de incendio por carecer de limitador eléctrico nun ben protexido de interese cultural.

Melloras no Parque da Seca

Así mesmo, a formación liderada por Tino Cordal anunciou o acondicionamento da pista de patinaxe do parque da Seca, que presenta moitas deficiencias desde a súa construción, motivo polo que apenas é utilizada polos cada vez máis numerosos practicantes deste deporte. 

A mellora consistirá en eliminar as arestas existentes na pista e no acondicionamento da superficie para facer posible a práctica deste deporte, redondeando os perfís e mellorando a zona de patinaxe existente, así como dotando de novos equipamentos, xa que cada vez son máis os mozos e non tan mozos que practican este deporte, pero que o teñen que facer en distintas prazas do Concello ao carecer de instalacións acordes para a practica deste deporte.

Por outra banda, tamén esta previsto realizar unha mellora nos xogos existentes, dotando este parque infantil dunha zona de xogos, coa instalación dun novo elemento de multixogo, con 4 plataformas, un tobogán dobre, un tobogán aberto en espiral, un rocódromo de acceso a plataforma e tamén con escaleira de acceso, ademais de mellorar os xogos existentes. Tamen se ten previsto instalar rampas de acceso ao paseo para persoas en cadeiras de rodas e encintar as lousas para que poidan acceder ao mesmo sen dificultade.

ESTADO ACTUAL CON RAMPAS QUE REMATAN EN ANGULO

PISTA DE PATINAXE SEN ANGULOS NA RAMPA