SOMOS CAMBADOS IMPLANTARÁ UN SERVIZO DE TRANSPORTE PÚBLICO GRATUITO ENTRE AS PARROQUIAS E O CASCO URBANO

Esta medida pretende solucionar unha demanda dos veciños das parroquias cambadesas

Ao longo destes catro anos de traballo municipal, os concelleiros de SOMOS CAMBADOS recolleron multitude de queixas de veciños de todas as parroquias do noso municipio sobre a imposibilidade de desprazarse en transporte público desde as súas vivendas ata o casco urbano para realizar calquera tipo de xestións administrativas, acudir a citas médicas ou mercar nos comercios do centro de Cambados.

Reunión coa Asociación de Taxis de Cambados

Para paliar esta demanda histórica, unha representación da candidatura de SOMOS CAMBADOS, encabezada polo candidato á alcaldía, Tino Cordal, acompañado polos membros da candidatura, Xurxo Charlín, Carol Laya, Nando Patricio e o taxista xubilado Antón Sineiro, reuniuse coa asociación de taxistas para explicar a súa proposta de instaurar un servizo de transporte gratuíto que vertebre todo o municipio conectando as parroquias co casco urbano.

A proposta inicial de SOMOS CAMBADOS consiste en implantar unha ruta circular de transporte público xestionada polo colectivo de taxistas de Cambados e sufragada pola administración local. Esta medida, ademais de beneficiar aos veciños das parroquias por posibilitarlles o desprazamento gratuíto ao casco urbano, suporía un importante impulso para a actividade comercial do centro de Cambados ao  ver incrementado o número de clientes potenciais, posto que ata agora e debido a unhas liñas de transporte público deficientes, estes veciños teñen máis facilidades para desprazarse a outras poboacións que ao casco urbano do seu municipio.

Os edís de Somos Cambados, xa solicitaran a vertebración do Transporte Publico entre as parroquias de Cambados a Xunta de Galicia, nas alegacións do Plan de Transporte presentadas polo Concello e que foron desestimadas, motivo polo que foi preciso buscar unha alternativa para poder dar este servizo de transporte entre as parroquias e o casco urbano de Cambados. A intención de SOMOS CAMBADOS é instaurar un período de proba desta iniciativa durante un tempo aproximado aos seis meses co obxecto de pulsar a demanda dos horarios máis solicitados e o número de vehículos que serían necesarios para garantir o seu éxito. Os propios Taxistas manifestaron que cos novos vehículos de que dispoñen, adaptados para 8 prazas e que permite levar a xente en cadeiras de rodas, son os máis idóneos para prestar este servizo, xa que mesmo serian máis económicos que si o realizara un autobús se non se ocuparan a totalidade das prazas.

Así mesmo, SOMOS CAMBADOS comprometeuse a recoller as demandas presentadas polo colectivo de taxistas, entre elas a creación dun servizo de Radio Taxi, un maior control da folla de ruta dos taxistas doutros concellos para evitar que exerzan a competencia desleal, a modificación das ordenanzas municipais para posibilitar que os taxis podan acceder a todas as zonas con restricións de tráfico, ou establecer unha parada de taxis en Castrelo e na Avenida de Madrid, co obxecto de dar servizo aos numerosos turistas que acoden a Fefiñáns.

No transcurso desta reunión, o colectivo de taxistas aproveitou a ocasión para manifestar o seu apoio á proposta de SOMOS CAMBADOS de peonalizar un tramo da Avenida de Galicia.