O candidato á alcaldía de Somos Cambados, Tino Cordal, propón a peonalización do tramo da avenida de Galicia que vai desde a praza do Concello (esquina de La Caixa) ata o obelisco (oficinas de Abanca).
Hai uns días, Cordal anunciaba a solicitude a Portos de Galicia da cesión dos terreos do centro de saúde e zonas anexas, o que suporía o primeiro paso para que a Xunta asumise a titularidade do centro e, desta forma, pasase a afrontar os gastos de limpeza e mantemento do centro sanitario, ata agora pagados integramente polo noso concello. Estes gastos supoñen anualmente para o concello de Cambados uns 50.000 €, a pesar de que o centro de saúde é utilizado por veciños doutros concellos.
Para que eses terreos sexan cedidos ao concello de Cambados, Portos de Galicia esixe que o tramo do paseo marítimo sexa de dobre sentido para a circulación de tráfico, polo que os vehículos que actualmente utilizan a avenida de Galicia en dirección ao concello circularían por ese tramo do paseo marítimo. Nesta proposta de Somos Cambados, a parada de taxis seguiría no mesmo lugar, e os accesos ao centro de saúde das ambulancias e dos pacientes efectuaríase cun acceso directo a través da rotonda do Obelisco.
Con esta iniciativa, conta co consenso da asociación de comerciantes e hostaleiros Zona Centro, ademais de aforrar anualmente uns 50.000 € que o concello destina á limpeza e mantemento do centro de saúde, gañaríase un amplo espazo para uso dos viandantes, incrementaríase o patrimonio municipal coa titularidade destes terreos (centro de saúde, estación de autobuses, etc.) e permitiría acondicionar e poñer en valor este espazo, que conta cunha gran presenza de comercios e locais de hostalería.
CORDAL INICIA OS CONTACTOS CO TECIDO ASOCIATIVO CAMBADÉS DE CARA Á ELABORACIÓN DO PROGRAMA DE GOBERNO DE SOMOS CAMBADOS
Tino Cordal, candidato de Somos Cambados á alcaldía, inicia unha serie de reunións coas entidades e asociacións de índole cultural, deportiva, veciñal e económica de Cambados para presentar as liñas mestras do noso programa de goberno e recoller as aportacións do tecido asociativo do noso municipio.
Cordal asegurou que “a elaboración do noso programa de goberno está moi avanzada e queremos compartir coas asociacións a súa opinión e, ao mesmo tempo, incorporar as súas suxerencias”. Ao mesmo tempo, Cordal quere agradecer a boa acollida que está tendo o proxecto de Somos entre os veciños de Cambados, e destacar o traballo que está a realizar o máis de medio cento de homes e mulleres que están colaborando na preparación da campaña electoral, co obxectivo de conseguir a alcaldía.