No Salón de Actos de ExpoSalnés, coa eurodeputada Lídia Senra, e os concelleiros Tino Cordal e Xurxo Charlín, informará das negociacións que se están levando a cabo nas institucións europeas e de como poden afectar a esta arte
O Salón de Actos de ExpoSalnés no Paseo da Calzada de Cambados acollerá este sábado, 22 de setembro, ás 12:00 horas, un coloquio sobre ‘O futuro do xeito e da pesca artesanal galega na Unión Europea’, no que intervirán a eurodeputada galega, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra; o 3º tenente de alcalde e concelleiro de Servizos Sociais, Terceira Idade e Sanidade, Tino Cordal; e o Portavoz Municipal e concelleiro de Economía e Facenda, Promoción Económica, Comercio e Industria, Xurxo Charlín, ámbolos dous edís de Somos Cambados.
A eurodeputada Lídia Senra anima a todas as persoas interesadas na situación do sector pesqueiro galego a acudir á cita. Nela, informará das negociacións que se están levando a cabo nas institucións europeas e que poden poñer en perigo a arte pesqueira do xeito, que a Comisión Europea xa intentou prohibir no ano 2014 e que agora, cando se está tratando o novo Regulamento sobre a Conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas, non está garantido que se vaia manter a dimensión da malla actual. “A día de hoxe, a proposta da Comisión sigue sendo que a dimensión da malla para pescar especies peláxidas pequenas con redes de deriva como é o xeito sexa 50 milímetros e a nosa emenda para modificar isto non foi aprobada, igual que tampouco o foron outras presentadas por outros eurodeputados no mesmo sentido”, asegura.
Senra leva tempo loitando para que se inclúa a especificación do uso de mallas de menos de 40 mm para a pesca da sardiña e chama a todo o sector a informarse e a mobilizarse na Galiza para facer forza e poder blindar esta exixencia, pois, do contrario, o sector podería verse moi afectado. No coloquio tamén se abordará a modificación do Regulamento de Control que agora mesmo está a debate no Parlamento Europeo e outras Resolucións aprobadas polo Parlamento Europeo como a que inclúe que en augas interiores, a pesca accidental artesanal quede fora de cotas. Así, abordaranse posibles medidas a tomar para que a Comisión e o Consello leven a cabo esta recomendación.
Co acto deste Sábado en Cambados, a eurodeputada continua a unha serie de coloquios públicos nos que abordará esta cuestión. Así, tamén se celebrou o Venres día 14 de setembro, ás 12:00 horas, en Cangas coa presencia de membros do goberno de Cangas e o Patrón Maior da Cofradia de Pescadores de Cangas do Morrazo; e o venres 5 de outubro, pola tarde, en Rianxo. Con estes coloquios, preténdese dar continuidade á campaña de información e sensibilización, despois de que xa numerosos concellos, alertados da situación pola propia Lídia Senra, aprobasen durante o verán mocións municipais en apoio ao xeito e a favor de presionar tamén á Xunta e ao Estado español para que se preocupen por estas cuestións.
5 comentarios sobre “Coloquio en Cambados sobre o futuro do xeito e da pesca artesanal galega na UE, este Sábado ás 12hrs”
Comentarios cerrados.