En Marea reclama medios suficientes para garantir o funcionamento do centro de saúde de Cambados

En Marea reclama no Parlamento de Galicia o peche do centro de saúde de Cambados,

En Marea reclama medios suficientes para que o centro de saúde de Cambados, así como o conxunto das instalacións encargadas da atención primaria no sistema sanitario galego, poidan cubrir as necesidades asistencias dos usuarios de maneira axeitada ao longo de toda a xornada e durante todos os meses do ano. A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, ven de rexistrar unha proposición non de lei que se fai eco da recente reclamación presentada polo Concello cambadés; que esixe á Xunta de Galicia a cobertura das baixas, descansos e períodos de vacacións do pesoal sanitario que, nestes momentos, non está a realizarse; obrigando ao centro de saúde da vila a pechar durante as tardes durante o verán; e deixando sen cobertura médica suficiente ao municipio na época na que as necesidades neste eido se ven máis incrementadas, debido á afluencia de turistas.

A situación que vive actualmente a atención primaria en Galicia dista moito do cumprimento dos servizos básicos de atención sanitaria. Ante a falta de recursos, o sector está sendo gravemente perxudicado, pois existe un deterioro progresivo que se asenta na eliminación de persoal, na diminución de bens económicos e na perda da capacidade de xestión.

Concretamente, no relativo ao persoal activo resulta unha práctica habitual a “autosustitución”. Recollida baixo este eufemismo, prodúcese unha situación precaria que denota a ausencia de cobertura de permisos, incapacidades temporais ou vacacións.

Ante a falta de compromiso e solucións que sofre o conxunto da sociedade: as e os profesionais sanitarios ven a súa carga de traballo incrementada; ao mesmo tempo que fan fronte a unhas listaxes de agarda emergentes na atención primaria; e ao consecuente empeoramento da cobertura do dereito a saúde.

Estas circunstancias disparan as alarmas, xa que se alcanza o máximo expoñente no peche de centros en queda de tarde. Isto acontece debido á falta de cobertura durante os períodos de vacacións correspondentes a estas quendas, como no caso de Cambados.

O Concello de Cambados xa rexistrou unha reclamación á Xunta de Galicia, na que se denuncian as condicións do sector e se esixen coberturas profesionais durante o descanso do persoal. Para, así, garantir a asistencia no centro, tanto nas quendas de tarde durante a época estival, coma durante o resto do ano. Unha esixencia que, grazas á iniciativa do grupo parlamentario de En Marea, chegará tamén á Cámara galega.

Proposición Non de Lei no Pleno do Parlamento de Galicia