A Capital do Albariño

Se preguntamos en Galicia cal é a capital do viño albariño, seguramente a resposta que nos darían os preguntados sería Cambados.

Non dirían outro nome. O noso municipio está identificado co albariño por méritos propios. Foi o seu berce e segue a ser a súa casa. Aquí lévase producindo e promocionando o mellor viño branco do mundo dende fai máis dun século. Nesta comarca residían os pioneiros e viven os seus principais valedores. Así, máis do 75% dos viticultores e do 65% da produción da Denominación de Orixe Rías Baixas son do Salnés.

Por outra banda, dende fai 66 anos celebramos o principal acontecemento de promoción deste viño: a Festa do Albariño. Cuxa fama e prestixio deben ser coidados, co esforzo e co traballo de todos os que participan na súa organización, respectando as dúas almas da festa: a popular e a profesional. Porque a festa cambadesa por excelencia ten sido fundamental para dar a coñecer o viño albariño.

Xa que logo, parece difícil de entender que a sede do Consello Regulador estea situada noutro concello. Nunha cidade que nin sequera forma parte da denominación de orixe; o que constitúe un feito insólito que non sucede en ningunha outra zona de produción vinícola española.

Por todo iso, a nosa reivindicación é completamente lóxica; está baseada na historia e nos datos actuais, e resulta totalmente xusta. Non se trata dunha disputa con Pontevedra nin co equipo directivo do Consello Regulador. Non buscamos enfrontamentos políticos nin polémicas sen fundamento.

Queremos o mellor para os intereses do sector, defendendo tamén a lexítima vontade dos veciños e veciñas aos que representamos. Simplemente, pedimos o que, por historia e por xustiza, Cambados merece e lle corresponde.

Tino Cordal.

Voceiro de Somos Cambados.