Somos Cambados apoia as reivindicacións da “Coordinadora Estatal en Defensa do sistema público de pensións”
Entre as que destaca a exixencia de revalorización das pensións de acordo co IPC e a recuperación do poder adquisitivo perdido, a denuncia da suba do 0,25% e a derogación das dúas últimas reformas de pensións realizadas polos gobernos do PP e do PSOE, “que están na base da caída presente e futura das pensións públicas”.
A Coordinadora Estatal sinala que mentres no 2011 se conxelaban as pensións e posteriormente se incrementaba o período de cálculo e a suba progresiva da idade de xubilación ata os 67 anos, “o Estado perdeu máis de 60.000 millóns de euros que se deron aos bancos e se rescataron autoestradas quebradas co correspondente coste para as arcas públicas”.
A defensa do sistema público de pensións é un deber de toda a sociedade, non só dos xubilados. Por iso é o momento de estar ao lado dos que durante toda unha vida de traballo loitaron para sacar adiante as sús familias e que agora sobreviven cunhas pensións indignas. Por todo elo, Somos Cambados manifesta a súa total solidariedade co colectivo dos pensionistas e apoia a xornada reivindicativa do próximo sábado, convocada pola “Coordinadora Estatal en Defensa do sistema público de pensións”; ao tempo que anima a todos os pensionistas, e en xeral a toda a cidadanía cambadesa, a participar na concentración que terá lugar o próximo sábado ás 12:30 horas diante do Concello de Cambados.