En Marea trasladará o seu apoio á folga feminista do 8 de marzo ao pleno do Parlamento

O grupo de En Marea centrará todas as iniciativas do grupo para o vindeiro pleno do Parlamento de Galicia na loita contra a discriminación que están a vivir as mulleres no noso país a todos os niveis.

O vicevoceiro no Parlamento, Antón Sánchez, asegurou que estamos ante un “problema gravísimo” que debería estar entre as principais prioridades de calquera goberno democrático e que débese tratar de xeito transversal.

Neste sentido, En Marea levará diversas iniciativas centradas entre elas orientadas a loitar pola igualdade desde o ámbito educativo, acabar coa fenda salarial, loitar contra a violencia machista, acabar cos recortes impostos polo PP nos servizos sociais e que afectan maioritariamente ás mulleres, as pensións nas que tamén as mulleres son as máis prexudicadas, ou que protocolos e políticas se están a impulsar desde os medios de comunicación públicos para controlar a publicidade sexista. Na sesión de control ao presidente, o voceiro de En Marea, Luís Villares, preguntará a Alberto Núñez Feijóo que está a facer a Xunta de Galicia para acabar con esta discriminación cara as mulleres.

O grupo de En Marea presentou na xunta de voceiros unha proposta de declaración institucional en apoio á folga feminista do vindeiro 8 de marzo, que foi rexeitada polo Partido Popular. “A mobilización do 8M molesta ao PP por varios motivos, primeiro por ser unha folga e aínda máis por ser feminista” afirmou Sánchez que aclarou que o seu modelo busca “unha cidadanía pasiva e a naturalización das desigualdades”. “A folga feminista vai contra a estrutura do PP baseada nun modelo patriarcal, de cidadanía mansa e submisa que non saia a rúa para loitar polos seus dereitos” incidiu. Fronte a esta postura, o grupo de En Marea quixo repetir o chamamento á participación para dar visibilidade ao papel fundamental das mulleres e entre todas e todos “combater un sistema que debe ser radicado”.

No vindeiro pleno do Parlamento, terá lugar tamén a comparecencia do vicepresidente Alfonso Rueda tal e como pedían todos os grupos da oposición, e que o Goberno presentou como comparecencia a petición propia. Así, terá que dar conta da situación da folga da Xustiza e sobre que ten pensado facer para dar resposta as reivindicacións do persoal que cabe lembrar foron aceptadas por unanimidade polo Parlamento.

En Marea presentou así mesmo unha proposta de declaracións institucional a prol da liberdade de expresión e contra os ataques continuados que se están a repetir nas últimas semanas no Estado. Unha proposta que só contou co apoio do grupo do BNG na Cámara na xunta de voceiros mentres que PSdeG e PP optaron por non se pronunciar ao respecto. “Temos poucas esperanzas xa que o Partido Popular é cómplice e motor deste recorte de liberdades que estamos a vivir” declarou Antón Sánchez.