En Marea demanda o arranxo dos graves problemas tanto de falla de persoal como deficiencias nas instalacións, mobiliario e material sanitario do Hospital

Non é unha cuestión de estética, trátase de garantir o confort das persoas usuarias e facilitar o traballo do persoal

A deputada de En Marea destacou a existencia de moito mobiliario antigo e obsoleto con habitacións con cadeiras e mesas rotas, cadeiras de brazos deteriorados e moi incómodos ou armarios armatoste, que son os mesmos que cando se inaugurou o Hospital.

O grupo parlamentario de En Marea presentou en comisión unha iniciativa para tratar de poñer solución ao grave problema que se está a vivir no Hospital de Monforte non só pola falla de especialistas senón pola urxencia de reparar deficiencias en canto a instalacións e mobiliario, deficiencias no material de uso sanitario e resolver as necesidades de aumentar o persoal non facultativo. Tal e como salientou a deputada Paula Vázquez Verao, a situación ten ver coa perda de capacidade de xestión da área sanitaria que agora a Xunta quere converter en distrito. “O afastamento da xestión a Lugo provocou o aumento das derivacións de pacientes con patoloxías e intervencións cirúrxicas que poderían atenderse en Monforte, aumentou as listas de agarda e deteriorou o servizo de mantemento, totalmente dependente de Lugo, para calquera arranxo, mesmo para cambiar unha lámpada” afirmou Vázquez Verao.

O Hospital de Monforte é referencia para unha poboación dunhas 43.000 persoas, unha poboación envellecida que supón que aumentan determinadas patoloxías e que aumenta o número de pacientes con mobilidade reducida e, consecuentemente, as necesidades de esforzo do persoal. Así mesmo, é máis grave aínda a falta de adecuación de todo o Hospital ás necesidades de mobilidade dos e das pacientes. Continúa pendente no Hospital a reforma das duchas e de parte dos cuartos de baño das habitacións de hospitalización, o que dificulta a mobilidade de pacientes e o traballo do persoal con pacientes con mobilidade reducida.

Nas plantas de Traumatoloxía e Cirurxía substituíronse os vellos armarios por uns novos de taboleiros, por parte dunha empresa, traballos que poderían terse feito con persoal propio, pero xa non hai carpinteiro fixo no Hospital a causa da centralización da xestión que serviu para amortizar prazas.

Unha das cuestións máis urxentes como apuntou Paula Vázquez Verao é mudar as ventás simples de todo o Hospital para mellorar a eficiencia enerxética e asegurou que “con pasar unha noite nalgunha habitación do Hospital con ventá simple comprenderán a situación”. Ademais, a Xunta de Persoal trasladou a En Marea a preocupación polo estado estrutural da fachada, da que se chegara a facer un estudo sobre a súa situación, non coñecido. As fortes choivas do 10 de decembro do ano pasado provocaron a aparición de goteiras na planta de Medicina Interna e de Especialidades, así como na entrada da sala de espera do Hospital de Día, sinalando o Sergas que dita auga procedía dunha das terrazas, co cal cómpre que a Xunta aclare se dita terraza ten algún problema estrutural e se se arranxaron todos os problemas de canlóns mal colocados. Por iso, En Marea propón que se acometan as reformas estruturais que sexan necesarias tanto na fachada coma na terraza do Hospital.

Así mesmo, o material de uso sanitario, dende que se centralizaron as compras, é de peor calidade como informou Paula Vázquez Verao asegurando que “non é de recibo que algo tan fundamental como os guantes rachen con frecuencia, de xeito que cando antes se usaba un par, agora hai que usar tres; isto compromete a seguridade de persoal e de pacientes”. Un material que é aínda peor na Atención Primaria, sendo así as pacientes e profesionais dos centros de saúde da comarca aínda máis discriminados.

En canto ao persoal non facultativo, o persoal da Planta de Especialidades e Medicina Interna ten denunciado a sobrecarga de traballo, tendo que dar prioridade a determinadas tarefas e deixar sen realizar todas as que lle corresponden. Só hai dúas auxiliares en quenda de mañá e só unha auxiliar e unha enfermeira para a noite, con 28 camas por planta. Ademais, só un celador. Dende a dirección intentan resolver a situación con algún contrato puntual e con reforzos de persoal doutros servizos en momentos de máis carga asistencial, durante algunhas horas. Chégase a parchear plantas con pacientes infecciosos con persoal de Quirófano, un servizo que debe ser estéril. Estes reforzos puntuais, recoñecen que o servizo é estruturalmente precario. Así, nestas plantas os cambios de coiros do quenda de noite fanse a partir das seis da mañá e debido a falta de persoal os aseos remátanse as 13 horas ou máis ,estando os doentes durante todo ese tempo sen cambiar, sen poderse levantar polas mañás, etc.

Ademais, a subdirección de enfermaría ven de cambiar unilateralmente as quendas da maior parte do persoal do Hospital, sen negociación cos sindicatos nin co persoal, tal e como ten denunciado a CIG. O cambio fíxose, teoricamente, segundo informe de tres auditorías, que, por certo, recoñecen que é preciso ter unha UCI no Hospital. A propia dirección recoñeceu as necesidades de persoal non facultativo.

O Conselleiro de Sanidade, que dixo en pleno que o Hospital conta cun cadro de persoal axeitado ás necesidades, desmóntase coas auditorías que demostran que, canto menos, cómpre unha praza máis de celador na quenda de noite, ademais, que se precisan máis profesionais médicos de urxencias, que non hai persoal sanitario para a zona de críticos e que o 55 por cento dos contratos efectuados son dun só día de duración. “De ditas auditorías a dirección do Hospital só recolle a recomendación de cambiar as quendas, pero faino sen consenso, no que parece unha represalia pola mobilización social e laboral. Un escándalo” asegurou Paula Vázquez Verao.

“Todas as necesidades do Hospital teñen moito que ver coa necesidade de ter capacidade de xestión e fondos na propia área sanitaria. Dende a estruturación da EOXI en 2013, hai unha xerencia no Hospital meramente executiva, sen capacidade de decisión nin de gasto” denunciou a deputada de En Marea.

Segundo o Consello de Contas, estra nova estrutura sanitaria non supuxo un aforro en contratacións de cargos, ao contrario. A xerencia de Monforte non é quen de resolver os problemas do Hospital, dado que non ten capacidade de xestión. Así, as xerencias “executivas” só están servindo como muro de contención das reivindicacións sociais e laborais da cidadanía e persoal para En Marea. “Gasto en altos cargos sen capacidade de xestión: ese é o éxito xestor do Goberno Feijóo” concluíu Paula Vázquez Verao.

4 comentarios sobre “En Marea demanda o arranxo dos graves problemas tanto de falla de persoal como deficiencias nas instalacións, mobiliario e material sanitario do Hospital”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *