A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, interpela ao Ministro de Fomento sobre as dúbidas que medran en relación ao cumprimento do prazo para o remate do denominado AVE a Ourense, finais de 2019, “coa solución temporal, sen a variante”.
“Non son os proxectos AVE a nosa prioridade, a nosa aposta son as cercanías, pero queremos que se fagan as cousas ben. A Variante de Ourense para que o tren non pase polo centro da cidade”.
A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, interpela nunha pregunta por escrito ao Ministro de Fomento sobre o tema do financiamento para o AVE e en relación ao cumprimento do prazo de 2019.
Alexandra Fernández pregunta ao Ministro se “confirma o indicado por Adif respecto a que a planificación financeira de Adif AV permítelle conseguir fondos para o desenvolvemento dos seus proxectos a través de distintas fontes independentemente da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, dispoñendo ademais dunha capacidade de endebedamento que lle concede unha marxe suficiente de independencia respeito aos Orzamentos”.
Unhas afirmacións que “contradin as consideracións políticas realizadas por destacados responsables da Xunta que ligaban o seu remate á aprobación dos Orzamentos”.
Ábrense interrogantes sobre o cumprimento dos prazos
A deputada de En Marea tamén inquire a Fomento sobre o tema dos prazos dadas as dúbidas e os interrogantes que se están a producir en diveresos ámbitos.
“A execución desta infraestrutura ferroviaria sempre foi obxecto de retrasos e novos calendarios que se ían substituindo. Unha historia de demoras constantes ou de modificacións como é a solución “temporal” adoptada para adiar a execución da Variante de Ourense, pasando o tren denominado AVE polo centro da cidade”.
“Mantén o Ministerio inamovíbeis os prazos de remate do AVE a Galiza para finais de 2019? Pode garantir o cumprimento deste prazo? Non é posíbel que se produzan novas demoras? Garante o Ministro que a “solución temporal” para a entrada deste tren a Ourense non se convertirá na solución definitiva?”, son algunhas das preguntas que formula Alexandra Fernández.
Os servizos de cercanías deberían ser unha prioridade
A parlamentar de En Marea deixa claro que “para nos os proxectos AVE non son a prioridade en materia de infraestruturas ferroviarias nin a nosa aposta fundamental. Seguimos a defender como número 1 a implantación dos servizos ferroviarios de cercanías porque son os servizos de movilidade básicos diarioas que precisa a poboación. De igual xeito defendemos a modernización e potenciación da media distancia. Mais, está claro que unha vez desenvolvidos os proxectos AVE, con tan alto custe, deben ser rematados”.