E con esta xa van dúas: Galicia perdemos outra ocasión para facernos cos laboratorios comunitarios mariños que sairán do Reino Unido polo Brexit. Os causantes: Feijoo e o seu goberno ausente.
Explicámolo un pouco polo miúdo:
Ao longo de 2017 Feijoo manifestou en diversas ocasións que Galicia optaría ao Laboratorio europeo de bivalvos. A pesares deses anuncios, ninguén postulou a Galicia oficialmente como posible sede do laboratorio.
Desde o goberno de España sabían que a Unión Europea tiña intención de pechalo laboratorio e redistribuír as súas competencias (aducindo motivos orzamentarios, decidirase suprimir o 17 de maio pasado, dúas semanas antes do anuncio de Feijoo) e votaran a favor de pechalo.
Coa redistribución, as tarefas relativas á clasificación e control das zonas de produción de moluscos bivalvos recaían no laboratorio de referencia da UE para as biotoxinas mariñas, organismo con sede na Cidade Tecnolóxica do Campus de Vigo.
A Xunta, polo tanto, promocionou unha candidatura que nunca existiu para acoller en Vilagarcía unha entidade europea que ía pechar mentras “ignoraba” que un laboratorio xa instalado en Vigo asumise parte das competencias do organismo comunitario suprimido.
O 1 de febreiro de 2018 facíase público o traslado do laboratorio de crustáceos, que pasará a depender de Dinamarca.
Neste caso, como no dos bivalvos, España apoiou a decisión da entidade comunitaria (non defendendo ningunha candidatura propia).
En resumo: Oportunidades perdidas pola inoperancia recalcitrante e ausencia por omisión de Feijoo e o seu goberno na defensa dos intereses de Galicia.
Dende Somos Cambados consideramos inaceptable o reiterado fracaso do goberno de Feijoo por apostar polas opcións galegas para optar a ser sedes comunitarias, con tódalas consecuencias negativas que iso xera para o noso país.