En Marea presenta unha proposición non de lei para a inmediata posta en marcha do Centro de Día de Cambados

O documento asinado por Luis Villares e Paula Verao insta a acometer inmediatamente a apertura do procedemento de licitación da xestión do Centro de Día de Cambados

 

No Proxecto de lei de Orzamentos da Xunta para 2018, na Memoria do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, sinálase que un dos Centros de Atención ás persoas maiores que se porá en marcha en 2018 será o de Cambados, que xa figuraba nos Orzamentos de 2017, indicando que, neste ano 2017, sería un dos novos centros de día que se poría en funcionamento.

O centro de día de Cambados é unha demanda social, nun concello con 2.803 persoas maiores de 65 anos (2016), e unha promesa do PP longamente incumprida. En 2010, a daquela Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anuncia a construción desta infraestrutura social, cunhas corenta prazas, en terreos municipais. As obras, nas que se gastaron uns 800.000 € de fondos autonómicos, non foron iniciadas ata 2014, sendo o 9 de novembro de 2015 cando representantes da Xunta acoden a Cambados para certificar a realización do edificio, sen ter avisado ao Concello de Cambados.

Tras infrutuosas preguntas por parte da Concellaría de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade do Concello de Cambados á Xunta, o 7 de decembro de 2015, a Xunta recomenda ao Concello de Cambados que se incorpore ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o que o Concello acepta e executa, a diferenza do Goberno municipal do PP, que en 2007 rexeitou adherir o Concello de Cambados a dito Consorcio.

Nos Orzamentos da Xunta para 2016, na partida para Cambados relativa a persoas maiores e dependentes, a Xunta só consigna 12,99 €. En novembro de 2016, a Xunta comprométese a abrir o centro “o antes posible”, sinalando a data de marzo de 2017.

En marzo de 2017, Xunta e Concello de Cambados asinan un convenio para sacar a concurso a compra de material do centro, achegando o Concello 20.000 €, para o cal a administración local dispón partida orzamentaria.

Nos Orzamentos da Xunta de 2017 si se inclúen partidas para a xestión e equipamento do Centro de Día de Cambados pero o anuncio da licitación para a contratación da subministración para o equipamento non se publica ata o 8 de xuño de 2017.

O pasado 6 de novembro de 2017, na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galiza, o Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, e a Deputada do Partido Popular Marta Rodríguez Arias faltaron á verdade en relación ao Centro de Día de Cambados. O primeiro, porque afirmou que o edificio xa estaba equipado, e a segunda porque dixo que existía un convenio asinado polo Concello e a Deputación para equipalo, cando ningunha das dúas cousas é certa. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asinou dous convenios co Concello: un para o equipamento e amoblado do Centro de Día e outro para licitar a súa xestión. O procedemento para equipar e amoblar o edificio comezou o 2 de xuño e rematou o 16 de outubro, pero o centro, a día de hoxe, segue sen estar amoblado ou equipado. No relativo á licitación da xestión, non consta en ningures que ese procedemento se iniciara.

Polo exposto, o Grupo Parlamentario de En Marea, formula a seguinte Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 5.ª

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a acometer inmediatamente a apertura do procedemento de licitación da xestión do Centro de Día de Cambados

1 pensamiento sobre “En Marea presenta unha proposición non de lei para a inmediata posta en marcha do Centro de Día de Cambados”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *