SERVIZOS SOCIAIS PROMOVE A COMUNICACIÓN ENTRE XERACIÓNS EN CAMBADOS

O programa da Deputación de Pontevedra “Tecendo Lazos” chega a Cambados cun obradoiro que se desenvolverá ao longo do vindeiro mes de novembro, nas seguintes datas: 7, 9, 14, 16, 21 e 23. O horario do obradoiro será de 17 a 20 horas. Terá lugar en ExpoSalnés e acollerá un máximo de 30 persoas participantes.

Tecendo Lazos é un programa de distintas actividades interxeracionais dirixidas aos concellos de menos de 20 mil habitantes. Preténdese que a través do humor, da música, da cociña e doutras actividades cotiás pequenos e maiores interactúen e creen espazos común. Foméntase así ademais o envellecemento activo para os maiores e a mellora das habilidades sociais e a empatía para o resto das xeracións.

As persoas destinatarias deste obradoiro do programa Tecendo Lazos serán todas as familias cambadesas, podendo participar persoas de todas as idades, tendo sempre preferencia aquelas que se anoten xuntas e pertenzan a diferentes xeracións, netos e netas , avós e avoas, fillos e fillas, pais e nais, etc. Poden inscribirse ata 4 membros por familia na mesma solicitude.

O obxectivo e que nestes obradoiros se poñan en contacto diferentes xeracións para favorecer as relacións individuais familiares comunitarias e sociais.

tecendo-900x600

Faino ti mesmo: Reciclaxe creativa en familia.

Faino ti mesmo é o nome da área programática elixida pola Concellería de Servizos Sociais de Cambados, que dirixe Tino Cordal de Somos Cambados. Concretamente, o obradoiro escollido chámase “Reciclaxe educativa en familia”. Neste obradoiro as familias realizarán actividades de expresión plástica e traballos manuais a través da reciclaxe e da reutilización de materiais, co que se promoverán o respecto polo medio ambiente e o desenvolvemento da creatividade e da imaxinación, e ademais fomentarase o traballo en equipo nas familias e entre persoas de distintas xeracións. As familias elaborarán, entre outras cousas, bandexas, caixas niño, moedeiros, paxariñas, separadores de libros, tarxetas, tartarugas, etc.

As persoas que queiran anotarse neste obradoiro poden facelo presencialmente no despacho de Servizos Sociais do primeiro andar da Casa do Concello ou chamando ao número de teléfono do mesmo: 986 520902.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.