En Marea pregunta ao Goberno pola marcha das negociacións con Portugal para a firma do convenio bilateral de pesca

O deputado de En Marea, Antón Gómez-Reino, rexistrou varias preguntas ao Goberno para coñecer o estado das negociacións con Portugal para a firma do convenio bilateral de pesca.

En Marea quere coñecer o estado no que se atopan as negociacións do tratado bilateral de pesca e cando ten previsto o Executivo volver a reunirse coas autoridades lusas para seguir negociando.

“Demandou o Goberno español a inclusión das tres medidas que esixe o sector de buques de arrastre de fondo galego que opera no caladero do Cantábrico Noroeste?”.

Segundo este sector, tres son os principais aspectos a introducir no convenio de pesca que se firme con Portugal:

  • O primeiro, que nas nosas augas non poidan faenar os buques de arrastre de ningún dos dous países durante o fin de semana. Na actualidade, a lexislación española obriga aos buques de arrastre de fondo (e de cerco) a parar durante dous días -que, no caso de Galicia, deberán coincidir co fin de semana-, mentres que a lexislación de Portugal non impón esa prohibición, de modo que os buques de bandeira portuguesa poden faenar libremente durante o fin de semana, mentres os galegos deben permanecer amarrados a porto.
  • O segundo, que se apliquen as medidas técnicas do país no que se realicen as pesqueiras -xa sexa en augas continentais ou nas territoriais-, en igualdade de condicións ás flotas de ambos países, de xeito que, cando faenen en augas españolas, “se aplique tamén aos barcos portugueses as restricciones técnicas ás que está sometida a nosa flota, por exemplo, a prohibición do tren de bolos por fóra das 12 millas, que os buques portugueses que faenan en augas territoriales españolas por fóra das 12 millas si poden utilizar”.
  • O terceiro que os nosos buques de arrastre de fondo poidan capturar como pesca accesoria, do mesmo xeito que os buques de bandeira portuguesa desta modalidade, peixe espada (Xiphias gladius), pois dase a paradoxa que mentres os buques de arrastre españois teñen que descartar ditas capturas, os buques de arrastre de Portugal venden nas mesmas lonxas as súas capturas de peixe espada. É tamén destacable que mentres España cede a Portugal cota de peixe espada, os buques do censo de arrastre de fondo do Cantábrico-Noroeste non dispoñan dunha cota mínima para pescas accesorias de peixe espada.

Neste sentido é de destacar que, no marco da Comisión Sectorial do Arrastre do Consello Galego de Pesca, acordouse remitir ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente parte destas demandas demandas fundamentais para o sector.

“Cal é a posición do Goberno luso sobre estas peticións?”, pregunta en Marea.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.