En Marea cualifica de “operación ruinosa” a venda dos helicopteros de Salvamento Marítimo e esixe responsabilidades

Consideran que Rosa Quintana debe dar explicacións pois esta decisión inhabilita os responsables políticos e demostra que o PP só goberna para determinadas empresas.

En Marea vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha batería de preguntas para esixir responsabilidades á Xunta sobre “o ruinoso negocio para a Administración galega que supuxo a venda no ano 2012 dos dous helicópteros de salvamento marítimo que foran comprados no 2005”, cando esta operación nin mellorou o servizo nin resulta máis rendible ca contar cun servizo integramente público.

“Rosa Quintana fixo moi mal negocio, vendendo os helicópteros a Inaer pola metade do precio que costaron, para que agora a mesma empresa sexa a única candidata a realizar o servizo cos mesmos medios que eran da Xunta”, sinalan dende En Marea e engaden que esta decisión “inhabilita os responsables políticos deste fracaso para continuar con responsabilidades públicas de xestión”.

A iniciativa, asinada polo voceiro Luís Villares, a vicevoceira Carmen Santos e o deputado Juan Merlo, lembra que o Consello de Contas xa sinalou en 2014 que a venda das aeronaves por 13,5 millóns de euros –a metade do que custaran cando os adquirira o goberno de Fraga- non contaba con ningún estudo sobre a repercusión da venda dese patrimonio.

Coa intención de confeccionar un traxe a medida de Inaer-Babcok España, en xuño a Xunta realizou unha consulta preliminar do mercado para que as empresas susceptibles de acudir a un novo concurso lle informaran dos cambios que tería que facer para que fose máis atractivo. Unha vez feita a consulta, a Xunta convocou unha nova licitación que incrementaba en dous millóns de euros o pago anual á empresa que gañase o concurso. Pasábase de ofrecer 6,5 millóns anuais a ofrecer 8,5, un millón de euros máis do que costaba o servizo antes de que os helicópteros foran malvendidos no 2012.

Ao novo concurso presentouse a empresa que fora descartada no primeiro, que foi novamente apartada por non cumprir as condicións, e Inaer-Babcok España, que ao non contar con competencia, non tivo que propoñer á Administración ningún tipo de rebaixa dos seus prezos. “Desta maneira, a empresa que xestionaba os servizos aéreos de salvamento marítimo con helicópteros dende 2005 continuará xestionando eses mesmos servizos, pero supoñendo un coste moito maior para as galegas e galegos”, aseguran dende En Marea, que esixen responsabilidades polofracaso desta xestión  que demostra unha vez máis  que a Xunta goberna para defender os intereses privados de determinadas empresas.

1 pensamiento sobre “En Marea cualifica de “operación ruinosa” a venda dos helicopteros de Salvamento Marítimo e esixe responsabilidades”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *