O deputado de En Marea Antón Gómez-Reino e a deputada Ángela Rodríguez, veñen de rexistrar unha batería de iniciativas en nome dos colectivos animalistas para reclamar a retirada dos contidos audiovisuais a favor da caza e das touradas que RTVE mantén dende hai anos na grella televisiva e radiofónica, co conseguinte custo público.
Os representantes parlamentares inquiren á corporación pública ao respecto da presenza de programas, como ‘Tendido cero’ e ‘Jara y Sedal’, que fomentan actos de crueldade cara os animais provocando a vulneración dos dereitos da infancia ao respecto do seu acceso a contidos audiovisuais.
Gómez-Reino e Rodríguez denuncian a escasa preocupación de RTVE por emitir programas con imaxes de violencia explícita acompañadas de comentarios ou narracións que alaban a morte do animal cun estoque ou os cazadores “celebrando os seus trofeos”.
Estes programas emítense en horarios onde os menores están diante do televisor con maior probabilidade, como as fins de semana, e reclaman coñecer qué criterios impón a dirección da compañía de radiotelevisión aos responsables dos magacines para escoller persoas entrevistadas ou reportaxes.
Neste senso os animalistas lembran como a revista ‘Jara y Sedal’, do mesmo nome que o programa televisivo, editaba un dos seus últimos números coa portada dun neno cazador, e por iso En Marea pregunta a través doutra iniciatvia polo custo para o erario público deste contido no periodo 2000-2016, así como a súa audiencia nos últimos tres anos.
Pola súa banda, LIBERA! e Fondation Franz Weber advertiron que España é o único estado membro da UE que mantén esta clase de emisións en horarios sensibles para a infancia, xa que Portugal relega as retransmisións de touradas fora das denominadas franxas de protección, é dicir, a partires das dez da noite.
RTVE non só mantén programas semanais, senón que emite de xeito intermitente touradas en directo, e fomenta a súa reposición no canal internacional, duplicando a vulneración.
As organizacións en defensa dos animais lembran que xa se suman milleiros de sinaturas nas campañas que manteñen na plataforma Change.org. A petición de retirada do programa taurino ‘Tendido cero’ conta con 130.255 apoios, mentras que a solicitude para non retransmitir touradas en directo en horario infantil suma xa 34.191 rúbricas.